O Colexio Novo monfortino estrea unha biblioteca renovada

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

As obras de reforma e de mellora de equipamentos custaron 55.000 euros

26 oct 2022 . Actualizado a las 18:46 h.

O Colexio Novo de Monforte estreou este luns a súa nova biblioteca, un servizo completamente renovado tanto en mobilario como en fondos grazas a un investimento de 55.000 euros. No acto de inauguración participaron, ademais dos integrantes da comunidade educativa do colexio, representantes da Consellería de Educación e máis do Concello de Monforte. Este foi tamén o primeiro acto público para a nova directora deste colexio público, Teresa Fernández Gómez, que tomou posesión do seu posto o pasado 1 de setembro.

As melloras na biblioteca foron posibles porque os responsables deste colexio solicitaron a Educación a súa inclusión no plan LIA, pensado para facilitar o reforzo destes servicios nos centros educativos. O Colexio Novo é o único de Monforte que conseguiu este curso financiamento do plan LIA. Dos 55.000 euros que lle corresponderon, 40.000 foron empregados en equipamento e mobiliario, 10.000 en obras de reforma do local no que está a biblioteca e 5.000 para fondos bibliográficos.

A reforma permitiulle ao colexio gañar algo de espazo para a biblioteca, a pesar de que segue estando no mesmo lugar que antes. Foi posible mediante a supresión dunha zona de servizo que estaba tras o escenario que está no lateral da biblioteca. Iso permitiu mover o escenario cara atrás e sumarlle máis espazo á área de estar na biblioteca.

No acto deste luns estiveron presentes pola consellería Judit Fernández Novoa, directora xeral de Innovación Educativa; María José Gómez, xefa territorial de Educación en Lugo; e María Bóveda, a inspectora educativa para a zona de Monforte. En canto ao Concello de Monforte, estiveron a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Álvarez, ademais da portavoz municipal do PP, Katy Varela.

A nova directora do colexio amosou a súa satisfacción por poder comezar cunha nova biblioteca o curso e a súa etapa á fronte do centro. Teresa Fernández asegura estar moi contenta porque conta coa colaboración «de todo o profesorado, en espacial o daqueles que forman parte do equipo directivo». Con ela na dirección do colexio están Isabel Domínguez, como secretaria, e David Esporas como xefe de estudos.