Radio Océano ofrece en Monforte un concerto de homenaxe a Lois Pereiro

LEMOS

Un concerto de Radio Océano ?con Xosé Manuel Pereiro no centro? en imaxe de arquivo
Un concerto de Radio Océano ?con Xosé Manuel Pereiro no centro? en imaxe de arquivo CEDIDA

A actuación será no Ateneo Casino este sábado e pechará as conmemoracións do 25 aniversario do pasamento do poeta

02 dic 2021 . Actualizado a las 20:03 h.

O Ateneo Casino de Monforte acollerá este sábado un concerto do grupo Radio Océano que pechará os actos organizados durante este ano pola entidade para conmemorar o 25 aniversario do pasamento do poeta Lois Pereiro. A actuación comezará ás 22.00 horas e será o primeiro concerto organizado polo Ateneo ao que os espectadores poderán asistir de pé desde a renovación da directiva da entidade. As normas de prevención sanitaria impediran ata agora celebrar concertos desta maneira.

O grupo, liderado por Xosé Manuel Pereiro —irmán do poeta— iniciará con este concerto unha xira organizada coa intención de recadar fondos para cubrir os custos de produción dun disco que inclúe un tema baseado no poema de Lois Pereiro Revisando os danos. A xira denomínase «Crowfounding Indecente Tour», o que —segundo indican desde o Ateneo Casino—, «é unha chiscadela ao Filthy Lucre Tour» dos Sex Pistols. Para asistir ao concerto pódense adquirir «entradas colaborativas» de tres tipos, a cinco, sete e dez euros. Dependendo da entrada escollida, os espectadores poden levar como obsequio un caderno ou unha bolsa cunha imaxe de Lois Pereiro, ou ben ambas cousas. As entradas poden reservarse no número de teléfono 648 435 033 —preferiblemente por WhatsApp— ou ben a través do correo electrónico ola@ateneocasino.gal.

Radio Océano foi fundado en 1981 por Xosé Manuel Pereiro xunto con Santiago Romero e Pablo Iglesias, e ocupou un lugar destacado na escena punk rock galega xunto con outras como Os Resentidos e Siniestro Total.