A Raíña de Corazóns?Rotos

Javier González MILITANTE DO PSDEG-PSOE

LEMOS

Raíña de Corazóns do conto de Lewis Carroll Alicia no país das marabillas só sabía unha forma de solucionar as dificultades fosen grandes ou pequenas, sendo esta gritar «¡córtenlle a cabeza!». Nun xuízo rápido, absolutista e efectivo, facendo aos demais pagadores dos seus fracasos e branco da súa ira e frustración, só demostra unha cousa: medo. Medo aos cambios, medo a perder o control, medo a perder o poder.

Parece que o secretario de Organización do PSdeG-PSOE galego atopou ao seu alter ego no personaxe de Carroll, a teor das afirmacións vertidas hai uns días. Coa compracencia que me dá ser un militante de base e posto que isto non se trata de contos se non de contas debo dicir que cando tiven que facer as miñas no seu día, o máis sensato e honesto pareceume que a política é o servizo público con maiúsculas que require moita dedicación así como unha vocación innata para moitas veces non recoller os froitos desexados. Trátase dun Rito de Paso amargo, pero superable; incluso diría balsámico, cando en un acto de contrición simbólico-moral un é consciente e sabedor que fixo todo o posible para conseguir os fins polos que loitaba sendo leal aos seus principios e valores . Tendo tremendamente claro que se embarcaba nunha viaxe circunstancial, conxuntural e episódica, non en un “modus vivendi”.

Por iso sinto mágoa de aquel que ostentando un cargo de tanta responsabilidade denigre aos seus propios compañeiros/as, eses que están no seu mesmo barco, desde unha tribuna pública con ambigüidades e rumoroloxías, rebaixando dunha forma tan pueril e demagoga o debate onde o mesmo que o subscribe deixa en dúbida a súa catadura moral para comezalo así como a lealdade as siglas que di defender facendo máis que certa a frase de Adenauer: «Hai tres tipos de inimigos: os inimigos a secas, os inimigos mortais e os compañeiros de partido».

Como dicía anteriormente bote vostede as súas contas… e os contos déixellos a Lewis Carroll.