-Cal é a labor principal da aula?
-Nós temos uns compromisos adquiridos ao depender da Xunta, como son un número de obradoiros con centros ou ter que crear materiais didácticos. Igualmente a nosa labor principal é divulgar o coñecemento dos valores naturais do Courel e promover unha sensibilización na cidadanía. Estamos poñendo ese gran de area na sensibilización coa natureza. Agora, as actividades están limitadas mais seguimos a dar educación medioambiental nas rutas.
-Coa situación actual, teñen máis futuro este tipo de accións ao aire libre?
-Estas actividades xa eran necesarias antes da crise sanitaria. Polo contexto que vivimos de alta contaminación e destrución da natureza e porque, no ámbito educativo, os nenos están encerrados estas son necesarias e, agora, aínda máis. Esta sensibilización debería ser un dereito fundamental e humano e tamén tería que ter presenza e ser de relevancia na educación.