Miguel Vázquez, párroco de Bóveda que agora retransmite as súas misas dominicais por YouTube, pasou 25 anos no país suramericano
27 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O sacerdote Miguel Vázquez López. membro da orde dos mercedarios, atende todas as parroquias do municipio de Bóveda e algunhas doutros concellos da comarca de Lemos. O pasado domingo, debido á declaración do estado de alarma sanitaria, comezou a retransmitir misas nun canal creado con esta fin en YouTube. Ata o ano pasado, Vázquez foi tamén capelán do hospital de Monforte e anteriormente, durante un cuarto de século, exerceu o seu labor en varios estados do Brasil. Esa longa estadía no país suramericano nótase na súa maneira de expresarse, xa que a miúdo deixa caer palabras e expresións en portugués brasileiro. «Pásame sobre todo ao falar en galego aínda que xa hai vinte anos que estou aquí», explica.
-De cantas parroquias se ocupa actualmente?
-En total son dezaoito. Ademais de todo o municipio de Bóveda ocúpome de sete parroquias do Saviñao, que son as de Broza, Ousende, Vilacaíz, Sobreda, Santa Lucía do Toxo, Chave e Reiriz. Na Pobra do Brollón levo as de Salcedo, Lamaigrexa e Parada dos Montes.
-En que consisten as súas emisións por Internet?
-O que fago é retransmitir as misas dos domingos desde a igrexa de Bóveda para que durante este período de confinamento poidan asistir a elas os fieis das miñas parroquias etamén os doutros lugares se o desexan. As misas emítense en directo, porque en moi pouco tempo conseguín os mil seguidores que esixen en YouTube para poder facer emisións ao vivo. Teño que expresar o meu agradecemento a todas as personas que se subscribiron á miña canle e que fixeron que isto fose posible. Estas misas poden verse ás doce do mediodía. Durante a semana, ademais, ofrezo algunhas mensaxes e reflexións nas que falo sobre todo da situación que estamos a vivir con esta pandemia.
-Estas emisións tamén teñen horario fixo, como as misas?
-Non, estas charlas vanse ofrecendo durante a semana cando é posible, aínda que os vídeos están dispoñibles no noso canal de YouTube e poden verse en calquera momento. Agora que vén a Semana Santa espero ofrecelas con máis frecuencia.
-Conta con algunha axuda técnica para estas retransmisións?
-Axúdanme un par de persoas, entre elas un rapaz de Bóveda que colabora desinteresadamente para que os fregueses poidan seguir os oficios desde as súas casas, aínda que el non é relixioso.
-Está ao corrente da situación actual do Brasil no que se refire á epidemia de coronavirus?
-Si, estou seguindo con moita atención as noticias e ademais estou en comunicación con moita xente de alí, porque manteño moitos contactos con ese país. Desde que retornei vou alí de viaxe case todos os anos. Primeiro pasei dez anos en Salvador, a capital do estado de Bahía. Despois estiven cinco anos en São Paulo e máis tarde outros dez anos no estado de Piauí, no norte do país. En todos eses lugares vivín e traballei sempre nas favelas.
-Preocúpalle o que pasar alí?
-Claro que si, preocúpame moitísimo o que pode pasar no Brasil se esta pandemia segue adiante. Pode ser terrible, sobre todo nas favelas, onde vive moitísima xente nunha situación de precariedade total, sen medios económicos e sen servizos sanitarios nin de ningún outro tipo. Por non ter, eses barrios pobres nin sequera teñen rúas propiamente ditas, senón o que alí chaman becos, unhas calellas sen sumidoiros, sen servizos de limpeza, sen infraestruturas básicas... Esperemos que se consiga parar a epidemia a tempo.