A cara oculta dos montes veciñais

EULOXIO LÓPEZ GUTIÉRREZ MONFORTE

LEMOS

Regueiros de tinta se teñen vertido sobre o monte: incendios, abandono, produtividade, posibilidades, futuro... Pero, ¿de que monte estamos a falar? ¿Do catastrado ou do catalogado polo Servizo de Montes? ¿De onde saen os datos de superficie que se manexan? ¿En base a que estudos se está aproveitando o monte? A xestión do día a día descobre unha problemática que repercute enormemente en todo o relacionado co monte. É a cara oculta da que, a pesar da súa importancia, ninguén fala.

O primeiro que debemos coñecer para explotar un monte é con que superficie contamos e que posibilidades ten a súa terra. Con relación ao primeiro, dicir que coa desamortización de Madoz, en 1855 fíxose o primeiro catálogo de montes públicos. Coa lei de 1980 pasaron en Galicia a depender de agrupacións veciñais e a recibir o nome de montes veciñais en man común. Nese momento, a Xunta de Galicia, tomando como base o catálogo anterior, elabora uns planos nos que reflicte os montes que se ían transferir aos veciños.

Sen traballo de campo, cos reducidos medios dese momento e sen consultar no catastro, o resultado foi nefasto. Agora temos dous deslindes: o do catastro e o de Montes. A diferenza entre eles nun monte de 550 hectáreas chega a ser de 90, cos conseguintes conflitos. Milleiros de propiedades particulares quedaron incluídas como monte e viceversa. Este erro da administración é en boa medida culpable da situación de abandono que teñen moitos montes e da desligación que teñen os veciños co seu monte.

As comunidades de montes tratan de corrixilo e en moitos casos costean elas mesmas o pago a empresas que desfagan ese desaguisado. As que non o fan, son castigadas reducíndolles puntuación á hora de puntuar as solicitudes de axudas. En lugar de facilitar o traballo que fan as comunidades de montes veciñais, esíxese que o novo monte deslindado teña a mesma superficie total que o anterior feito aleatoriamente pola administración. Total, que para sacar unha propiedade privada do monte hai que compensar ao monte con outra superficie igual que non estivera considerada como tal.

Moito máis sinxelo

Se unha comunidade non reflicte no plano revisado a mesma superficie de monte veciñal que propiedades privadas se exclúen do monte non hai posibilidade de solucionar o entorto. No monte dunha soa parroquia pode haber máis de seiscentas propiedades incluídas, séndolle imposible ás comunidades solucionarlle o problema a moitos veciños que teñen as súas fincas catalogadas como monte veciñal. Co fácil que resulta dar autonomía aos propios veciños que saben que parcelas proceden do comunal e cales son privadas.

A Lei de 1980 contemplaba que sería a administración a encargada de facer os deslindes, pero na Lei de 2010 botaron balóns fóra. Desfíxose do problema cargando esa responsabilidade sobre as comunidades de montes, creando graves conflitos entre veciños e motivando que ninguén se queira poñer á fronte destas. Parece que a administración prefire que os montes non se ordenen a dar facilidades para que outros solucionen o problema que ela non se atreve a afrontar.

Unha administración que se preocupase polo monte poñería ao seu servizo pequenos laboratorios nos distritos forestais que analizaran as terras e aconsellaran o tipo de aproveitamento adecuado e un abonado específico, conseguindo así optimizar a rendibilidade do diñeiro público investido nas axudas. Achegaría técnicos que fixeran estudos do territorio e planificaran as plantacións alternando diferentes masas forestais e impulsando novos aproveitamentos. Promovería mercados para as frondosas: cerdeiras, nogais, carballos, hoxe sen saída, dando cobertura aos investimentos que neste senso se están facendo.

Se a sociedade está concienciada da necesidade de optar por madeiras nobres non se pode embarcar en proxectos sen garantía. Resulta curioso que pidamos axudas excepcionais para salvar unha empresa de cen traballadores e non as apliquemos para introducir na cadea de produción unha cuarta parte do país que está improdutiva. Só crendo no monte e no que este pode achegar, se poden poñer en valor as 700.00 hectáreas desaproveitadas, inxectar vida ao campo e incorporar mocidade.

A día de hoxe, por outra parte, o carácter xermánico dos montes galegos está totalmente desvirtuado. A finalidade do monte veciñal era a de ser unha economía complementaria para os lugareños. Grazas a eles moitas familias subsistiron e mantivéronse na súa terra sen facer as maletas. Hoxe son poucos os casos nos que o monte axuda a fixar poboación apoiando a actividade agraria ou gandeira. Están case en exclusiva orientados á produción de madeira e viven á marxe dos veciños con toda a problemática que isto supón.

Volver ás orixes

Os montes xa non dan vida, dan cartos e os ingresos obtidos del van a suplir as obrigas dos concellos con investimentos en infraestruturas que son de responsabilidade municipal. Os montes deben ter un aproveitamento diversificado, sendo o prioritario recuperar o seu sentido histórico e convertelos en auténticos bancos de terras que axuden aos nosos campesiños a ser competitivos nos mercados e poder vivir con dignidade do campo e na súa terra. Unha soa familia que asente no rural ben vale unhas hectáreas de pinos.

Euloxio López Gutiérrez é secretario do monte comunal de Doade, en Sober