Se ben o baloncesto é a paixón de Fafián, tamén é amante da pesca e ten outras afeccións.
-¿Segue pescando?
-Por suposto. A pesar da administración, que coa xestión dos nosos ríos están a cargarse este deporte.
-¿Que pesca?
-Son pescador de troita, aínda que co tempo acabaremos pescando especies invasoras como carpas ou black bass. É unha mágoa ver o estado dos nosos ríos e encoros.
-¿Son máis difíciles os seguros ou adestrar a un equipo como o CB Chantada na EBA??
-Actividades diferentes pero con certas transferencias. As dúas teñen un compoñente didáctico e de axuda. Ao mesmo tempo destacan polo seu carácter competitivo. Nas dúas dirixo grupos humanos que é o que realmente me gusta. Gozo en ambas. Unha complementa á outra.
-¿A que adica o tempo libre?
-Pouco tempo libre teño, porque está o traballo, os adestramentos, e dous fillos de 6 e 8 anos. Podo chegar a ver catro partidos semanais, preparo adestramentos, corto e pego vídeos para o traballo de scouting. O tempo de lecer aproveito para ler, pescar, nadar, saír a correr e buscar cogomelos cos rapaces.
-¿Cal é o seu prato na cociña?
-De cociña nada. Eu especialiceime en fregar xa dende os meus tempos na hostalería. Non se pode ser bo en todo.
- Vostede é historiador, ¿non pensou en exercer como docente?
-O ano que rematei a carreira só saían dúas prazas para toda Galicia na oposición. Iso desanima a calquera. Naquel intre tiña negocios de hostalería e aparquei a vocación en aras do pragmatismo. Non nacín para ser funcionario. Os 11 anos de autónomo danche outra visión da realidade e do mundo que nunca terá un funcionario. Aprendín mais da universidade da vida que da académica. O de escribir a historia do club, todo chegará. De momento continuamos a facela.
-Un libro e un grupo musical.
-«El hombre en busca de sentido», de Viktor Frankl. Deixoume
impresionado. Fai unha reflexión sobre a actitude vital ante as adversidades. Na música U2, Manu Chao, David Garrett e as harmonías vocais como De Vacas.
-Un adestrador.
-Aíto García Reneses. É un dos grandes que máis me gustaba. Marcou unha xeración. Aíto é unha relixión. Non me vexo reflectido en ninguén, non son mitómano, vexo clínics pero trato de centrarme na miña realidade.