«Quero render homenaxe a cada persoa e cousa desta terra»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Emilio Araúxo cun exemplar de «Mal mor», outra das súas obras literarias
Emilio Araúxo cun exemplar de «Mal mor», outra das súas obras literarias miguel souto

Emilio Araúxo reeditou o «Libro da Ribeira Sacra», unha obra poética publicada por primeira vez en 1996

08 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor, etnógrafo e tradutor Emilio Araúxo Iglesias presentou recentemente unha nova edición do seu Libro da Ribeira Sacra, unha extensa obra poética que apareceu por primeira vez en 1996. A súa reedición preséntase como un volume de máis de 470 páxinas. Natural de Coles, Araúxo é desde hai moito tempo veciño do municipio de Parada de Sil. Durante unha boa parte da súa vida traballou como profesor de filosofía nun instituto de Lalín. A reedición da obra corre a cargo do selo editorial Biblioteca de Mesopotamia, con sede en Monforte.

-Esta reedición ten o mesmo contido que a edición orixinal?

-Contén os mesmos poemas que os da primeira edición, con algúns engadidos e corrixidos. Non foi posible reproducir as fotos que apareceron en edicións anteriores. Non na primeira, senón noutras dúas edicións que houbo despois e que non reproducían de todo o libro orixinal, senón escolmas de poemas.

-O libro contén moitas referencias directas á paisaxe e á poboación da Ribeira Sacra, como topónimos e nomes reais ou alcumes de persoas.

-Nos poemas menciono tamén nomes de animais, por exemplo de vacas que existen ou existiron realmente. É un libro moi marcado polo efecto do aquí que pretende render homenaxe a cada cousa e cada persoa desta terra, ata o recantiño máis nimio. Quero levar ao máximo nivel da existencia as cousas que case rozan a inexistencia. Nese sentido sigo un principio de Peter Handke, un escritor austríaco que admiro moito, que di que debemos salvar o visible, recoñecer o seu propio ser a cada entidade, incluso á máis aparentemente insignificante. Nesta visión, os nomes dos lugares, das aldeas máis pequenas e dos sitios máis recónditos e humildes, teñen un lugar de preferencia, porque encerran a memoria deses lugares e da xente que viviu neles. Quero salvalos do esquecemento e darlles máis importancia recuperando os seus nomes.

-Nos poemas tamén hai unha presenza moi importante da vida rural e dos traballos do campo.

-No libro ten moito peso a experiencia de palpar o traballo manual. Quixen compartir esa vida e ese esforzo do mundo labrego participando directamente, non como mero espectador. Eu diferencio entre as nocións filosóficas de vivencia e experiencia e penso que o meu libro está máis abeirado a esta última. A vivencia é un tipo de compromiso que dalgún modo deixa a un fóra dunha situación determinada, mirando as cousas un pouco desde enriba. A experiencia implica más amplitude e lonxitude de miras e tamén un maior compromiso coas cousas de que falamos.

-Con que outros poetas sente máis afinidade?

-Penso que este libro e outro poemario que se publicou primeiro co título Aquí e que foi reeditado despois como Seica si, teñen unha especial sintonía cun grande poeta ruso co que cheguei a contactar, Guennadi Aiguí, autor dun dos maiores poemas do século XX, que se titula precisamente Aquí. Escribiu ese poema despois dunha conversa con Borís Pasternak, premio Nobel de literatura, na que falaron sobre a grandeza que implica o feito de estar simplemente aquí, no mundo, asistindo a todo tipo de continxencias, unhas felices e outras tristes.

Un marcado interese polas tradicións populares e polas festas de entroido

O Libro da Ribeira Sacra menciona numerosas tradicións populares deste territorio, como as relacionadas co entroido, que Emilio Araúxo ten estudado de forma académica en diferentes traballos de etnografía e antropoloxía.

-Que importancia ten a cultura popular tradicional na súa obra?

-O libro fala dos traballos do campo, das festas, das ferramentas e moitos elementos da cultural rural tradicional, pero todo iso non ten un mero efecto museístico. O libro está moi marcado pola idea da herdanza, pola convicción de que na vida é imprescindible manter un diálogo cos devanceiros, coa xente desaparecida. Debemos recoller a mensaxe dos falecidos e ese o sentido do meu interese polas tradicións culturais que veñen do noso pasado. Pero penso que esa herdanza debe ser reexaminada, o que implica non só unha valorización senón tamén a crítica.

-E que papel lle atribúe ás tradicións do entroido?

-Nese sentido estou en débeda co ruso Mikhail Bakhtin, un teórico da cultura popular e das tradicións carnavalescas que me axudou a interpretalas e a entender o seu significado. A pesar de que o Libro da Ribeira Sacra presta moita atención á problemática do dó e da perda, creo que en toda a obra hai como un ruído de fondo que é como unha prevalencia do cómico, unha tonalidade carnavalesca. E é que vida no fondo é cómica. Pero o que pretende o meu libro non é ridiculizar nin ser ofensivo, senón que hai nel unha como unha confirmación da humanidade a través dos elementos cómicos e carnavalescos. No entroido hai unha promesa utópica de igualdade, dunha humanidade reconciliada.