«Non é que haxa máis xabaril no monte, é que cambiou de hábitat»

Álvarez Villar afirma que se coñece «moi pouco» dos danos que ocasiona o lobo


Carballo / La Voz

O coristanqués José María Álvarez Villar preside, dende hai uns meses, a sección coruñesa da Federación Galega de Caza. Participou onte na sección semanal «Voces do Agro», de Radio Voz Bergantiños, conducida por Luis García, director do centro Fonteboa. Explicou Álvarez Villar durante a súa intervención que a de caza é a segunda federación con máis afiliados de Galicia, só por detrás do fútbol, e que hai canto menos un tecor en cada municipio da comunidade.

-Cantos cazadores hai na Coruña?

-Licenzas federativas hai case 4.000, pero pódese dicir que hai uns sete mil e pico cazadores.

-Que é exactamente un tecor?

-As siglas responden a terreo cinexeticamente ordenado. Corresponde practicamente ao que antes coñeciamos como os cotos de caza. Mudou a nomenclatura na última reforma da lei de caza. Un tecor -que na actualidade non hai ningún municipio galego no que non exista un, polo menos- é un terreo sempre xestionado por unha sociedade de caza.

-Cantos hai na provincia?

-Hai uns 400. Para constituír un novo en Galicia hai que ter unha superficie mínima dunhas 2.000 hectáreas, polo que é bastante complicado, porque ademais hai que ter unha cesión por parte dos propietarios dos terreos. Nun país de minifundismo como é este, é moi complicado recoller tantas firmas, pese a que a lexislación permite constituílo cun 75 % das firmas.

-Faise unha diferenciación, en base ao volume da peza, entre caza maior e caza menor.

-Efectivamente. En Bergantiños e arredores a maior está limitada practicamente ao xabaril e o corzo; e a menor, ao raposo, o paspallás, o coello... O resto de especies pequenas.

-Cales son os períodos?

-En realidade regúlanse todos os anos a través dunha orde de vedas que saca a Consellería de Medio Ambiente, pero polo xeral a caza abre o terceiro domingo de outubro e pecha o 6 de xaneiro. Hai certas especies, como o xabaril, para as que se fan certas ampliacións nos prazos, especialmente polos danos que poidan producir eses animais. Este ano, por exemplo, comezouse a cazar xabaril o 25 de agosto.

-O xabaril trae máis dun quebradeiro de cabeza ás xentes do agro.

-Si, pero eu reitero o que veño dicindo dende hai tempo: o xabaril non aumentou, senón que cambiou de hábitat. O abandono do rural leva consigo a que certas especies que antes vivían no rural agora se aproximen máis ao urbano. Aí temos o problema de Oleiros, que o xabaril lle come os xardíns; ou animais paseando arredor da muralla de Lugo.

-Pódense organizar batidas?

-Poden, e ademais a consellería non adoita poñer problemas cando hai danos nas colleitas. Hai épocas do ano nas que é difícil que se concedan batidas, pero propoñen outros sistemas. O gandeiro ten que saber que ten as sociedades de caza á súa disposición neste sentido.

-Tamén o lobo está ocasionando problemas ao gando.

-Coñecemos moi pouquiño dos danos que está facendo o lobo na actualidade. Teño coñecemento de que leva comidos máis de 200 cans nas casas, e estes danos non son visibles, non se contan. Hai moito lobo, e é un animal silvestre ao que lle hai que dar de comer, porque xa non ten nada no monte. Por iso se achega ás zonas urbanas. Volvemos de novo ao abandono do rural.

-Tamén ameaza á caza menor.

-Si, a coello e perdiz especialmente, aínda que en Galicia non queda coello practicamente. Hai moitos tecores nos que a presenza deste animal é mínima. As enfermidades que se están dando aquí, sobre todo unha variante da febre hemorráxica, están causando verdadeiros estragos.

-O volume de negocio que move a caza é considerable.

-Move, máis ou menos, a mesma cantidade de diñeiro que o Albariño, uns 100 millóns. Nos tecores estanse soltando máis de 2 millóns de coellos. Cada un leva un prezo de 8 ou 8,50 euros, así que o volume de negocio é palpable.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Non é que haxa máis xabaril no monte, é que cambiou de hábitat»