Tesouros do Courel gardados en Lugo

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

A Rede Museística Provincial ve moi difícil a devolución de dúas valiosas pezas arqueolóxicas romanas

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vitrina situada na sección do Museo Provincial de Lugo dedicada á romanización exhibe dúas pezas arqueolóxicas de excepcional valor procedentes do municipio de Folgoso do Courel. Os dous obxectos, datados no século I, foron encontrados na contorna do castelo de Carbedo e están depositados no museo desde hai décadas. Trátase, por un lado, dunha pequena escultura de bronce que representa unha aguia e que se supón que formou parte dun estandarte das lexións romanas. A outra peza é a chamada táboa da hospitalidade, unha placa de bronce na que está escrito o texto dun pacto de axuda mutua entre varios pobos.

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, ve moi difícil que estas pezas sexan devoltas ao seu lugar de orixe, como acaba de pedir a formación política C@urel Vivo. Para que poida realizarse unha cesión deste tipo -explica- é preciso contar cunha autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que non se concede se non se cumpren unha serie de estritas condicións, entre as que figuran unhas fortes medidas de seguridade. «Para que se cedan unhas pezas tan valiosas coma estas hai que garantir que serán depositadas noutra instalación museística adecuada, e no Courel non hai hoxe ningún centro que cumpra os requisitos esixidos», apunta Lago. «Un museo non consiste só nun local dotado dunhas vitrinas, senón que é un centro dedicado á conservación dos materiais que están baixo a súa custodia e tamén á investigación e á divulgación», engade.

As dúas pezas caracterízanse pola súa rareza. Nun estudo publicado en 1965, o arqueólogo Antonio García y Bellido declarou que na península Ibérica só coñecía unha escultura similar á aguia de bronce de Carbedo, que foi descuberta nas ruínas da colonia romana de Asta Regia, en Jerez de la Frontera. O mesmo investigador mencionou tamén a existencia dun reducido número de obxectos deste tipo achados en xacementos arqueolóxicos romanos de Alemaña e Hungría, entre outros lugares.

A táboa da hospitalidade é por outra parte un dos escasos exemplos materiais que se conservan dunha institución social propia dos antigos pobos peninsulares, que os romanos chamaron hospitium, pola cal se establecían pactos entre diferentes grupos xentilicios formados por entidades familiares e persoas aliadas a elas. Outras táboas de metal utilizadas para selar tratados desta clase foron descubertas en Navarra, Soria, Palencia e Zaragoza.

Materiais descubertos no castro da Torre

Ademais da cesión da aguia de Carbedo e da táboa da hospitalidade, C@urel Vivo solicitou que se entreguen a este municipio varias pezas desenterradas nunhas sondaxes arqueolóxicas realizadas no castro da Torre en 1993. Estes materiais foron depositados no seu día no Museo Provincial de Lugo, pero non se mostran ao público.

O arqueólogo Iván Álvarez Merayo, que participou nas escavacións do castro da Torre, opina que na actualidade non se dan as condicións necesarias para que estes obxectos sexan cedidos ao Concello de Folgoso do Courel. «A lexislación esixe que as pezas arqueolóxicas sexan depositadas nun museo recoñecido e o único que hai no Courel é o museo das covas que se acaba de abrir en Meiraos», explica. «Non tería sentido instalar nese museo as pezas achadas no castro, porque non ten relación co mundo castrexo e romano», agrega.

Puñal e cerámica fina

Entre os obxectos desenterrados no castro, indica por outro lado o arqueólogo, destaca un coitelo ou puñal do tipo coñecido como Simancas, unha arma típica do norte da Península que se data habitualmente entre os séculos IV e V. No xacemento apareceron tamén numerosas mostras de cerámica castrexa e romana, dos tipos máis comúns nos castros galegos. Pero entre elas -puntualiza Álvarez Merayo- hai restos de vasillas dunha clase menos habitual neste territorio. Consiste nunha cerámica de paredes finas, datada arredor do século I, e que foi estudada por primeira vez no xacemento de Melgar de Tera, en Zamora.