Un presidente norteamericano polos Ancares

Xosé Antón Lozano Silvosa COLECTIVO PATRIMONIO ANCARES

LEMOS

Archivo

John Adams atravesou en 1779 as terras de Lugo e da montaña lucense no seu camiño cara a París

28 sep 2018 . Actualizado a las 09:23 h.

O 13 de novembro de 1779 a fragata Le Sensible levanta áncoras no porto americano de Boston con destino a Europa. A bordo viaxa John Adams (1735-1826), un dos redactores da Declaración de Independencia dos Estados Unidos e futuro presidente entre 1797 e 1801. A súa misión, como representante do Congreso, era conseguir apoios dos países europeos na súa guerra contra Gran Bretaña e acadar, así, a independencia. Con el viñan, ademais de dous secretarios e dous criados, os seus fillos John Quincy (6.º presidente dos EUA) e Charles, de 12 e 9 anos. Dende xuño dese ano, España comprometérase con Francia en apoiar aos independentistas norteamericanos.

Pero a travesía estivo a punto de rematar cos viaxeiros de Le Sensible. Dous días despois da partida un «vendaval de vento moi violento» causou na fragata importantes danos e unha vía, o que obrigou á tripulación a bombear auga as 24 horas (...). O barco estaba a afundirse nas xélidas augas do Atlántico. O capitán, Chevalier de Chavagne, axiña se decatou de que o único xeito de salvarse era chegar a un porto amigo. O 7 de decembro divisaron terra, un cabo chamado Fisterra, que, segundo dicían, fora considerado durante séculos a fin do mundo. Un día despois, Le Sensible puido arribar, tocado, no porto de Ferrol. Pero a odisea non rematara. John Adams e os seus estaban atoados agora a centos de millas de París, o seu destino. Que facer? Só había dúas opcións: ou esperar a que repararan o barco, algo que podía levar meses, ou atravesar a Península ata Francia.

Neste artigo ímonos deter no Diary de John Adams durante a súa viaxe por terras galegas (...) Durante os días seguintes ao desembarco, Adams foi agasallado polas elites locais. A impaciencia por partir canto antes corroíao, pero había que cumprir. Escribiu: «Camiñei pola vila pero non hai nada que ver... moi poucos cabalos e aqueles, miserablemente pobres». Unha noite levárono, a contragusto, a unha ópera italiana, «un entretemento aburrido».

Agasallos en Ferrol e na Coruña

Pero non todo foran queixas en Ferrol: «Almorcei chocolate que responde á fama que adquiriu no mundo». Na derradeira noite en Ferrol, nunha cea ofrecida polo cónsul francés, largoulle a un home chamado Linde, defensor do colonialismo: «España debería subirse ao tren da independencia para derrocar o seu propio rei antes de que fose demasiado tarde». O 14 de decembro, Adams e a súa comitiva partiron para A Coruña (...). Esa mesma noite foi invitado a cear polo Gobernador da provincia. Ante os comentarios de dous funcionarios sobre o seu apelido (dicían que en Galicia había familias moi antigas, ricas e nobres, de nome Adams, e que todas eran notables polo seu apego á letra ese ao final de Adán), insinuou que quizais se debera aos excelentes viños que correron na paparota (Borgoña, Burdeos, Champagne...).

Adams só teimaba en como chegar a París canto antes. O 16 de decembro tomou a decisión: «Todos me aconsellan ir a Francia por terra. A temporada, as estradas, os aloxamentos para viaxar son tan desfavorables que non se espera que poida chegar a París en menos de trinta días. Pero se tivese que esperar á fragata, probablemente sería moito máis» (...). Mentres se realizaban os preparativos para a longa viaxe, Adams visitou «un antigo faro» (a torre de Hércules). Antes da partida foi invitado a outro banquete ao que asistiu o «presidente do tribunal soberano do Reino de Galicia». Escribe: «Atrevinme a facerlle preguntas sobre a Inquisición. As súas respostas foron cautelosas» (...).

Camiño de Santiago a París

Examinando os mapas, Adams inclinábase por tomar o camiño máis directo a Bilbao, xa que discorría en liña recta a través da costa. Un guía e un intérprete explicáronlle que un cordal montañoso, case intransitable, estendíase en case toda a súa lonxitude ata o golfo de Biscaia. O itinerario que lle recomendaron foi unha famosa ruta que durante séculos se recorrera: o Camiño de Santiago, pero á inversa do feito polos peregrinos. Adams fala deste camiño e da súa historia, pero unha das súas maiores desilusións foi non poder visitar «St. Iago de Compostella».

Saíron da Coruña o 26 de decembro. «Á unha e media montamos nas nosas carruaxes e mulas e viaxamos ata Betanzos, a antiga capital do Reino de Galicia, e o lugar onde aínda se conservan arquivos». Malia todo, ao chegar á vila de Castillano (supoñemos que se trata da Castellana, en Aranga), escribiu que, por fin, puido durmir dun tirón.

Segundo o mapa do autor de Adam’s path through Spain and France, 1779-1780, baseado no diario e na autobiografía de Adams, o percorrido continúa por Baamonde, Ravadan (Rábade), Lugo, Gallego (Galegos) e Sebrero (Pedrafita do Cebreiro), saíndo de Galicia cara a Vilafranca do Bierzo. Nos días seguintes os viaxeiros expresarían a súa conmoción ante as condicións en que vivían a maioría dos habitantes: «A casa onde nos aloxamos é de pedra... Non hai piso senón chan, e non hai alfombra senón palla, pisada polos homes, cabalos, mulas... No mesmo piso cá cociña estaba a corte... Non había cheminea. O fume ascendeu e non atopou ningún outro sitio de paso... O fume encheu cada parte da cociña, a corte e outras partes da casa... As mulas, porcos, aves de curral e os habitantes humanos viven todos xuntos... O piso nunca fora nin lavado nin varrido por centos de anos».

As ‘xoias’ non deixan de saír da súa pluma: «O camiño era malo, montañoso e rochoso ata tal punto que era moi perigoso... Os camiños, os peores sen excepción que algunha vez se pasaron... Parcelas escarpadas, apuntadas, rochas raídas». O camiño era moi duro, unha das calesas rompeu un eixe. Non observa máis que sinais de pobreza e miseria, agás as igrexas e catedrais fermosas e ben coidadas, e os do clero, «ben alimentados», na súa maioría franciscanos e dominicanos que «non semellaban moi virtuosos». Pero fala ben da «carne de porco deste país, a máis excelente e deliciosa. O presidente do Tribunal Supremo informoume que era máis gordo (o porco) polas castañas, e mais polo millo, que era mellor» Chámalle atención a Xustiza: «A pena capital execútase aforcando ao reo. Algunhas veces quéimase ao reo, pero só despois da morte», e que despois o metan nun barril cunha víbora e un sapo, un gato e un can, e se tire o barril ao mar. «Neste caso, os animais estaban pintados no barril e o sentenciado fora posto xa morto nel».

Describe a baixada do Cebreiro o último día do ano, a estrada encaixada entre as escarpadas montañas e o bo estado do Camiño Real, obra dirixida polo enxeñeiro militar Carlos Lemaur, que unía Galicia coa Meseta. Cando o 17 de xaneiro de 1780 chegaron a «St. John de Luz», a primeira vila en Francia, manifesta alegría: «Nunca houbo un cativo fuxido da prisión máis deleitado ca eu», a pesar de que case todos estaban enfermos: «Todos nós en perigo de febre». Nos últimos 20 anos de «grandes dificultades, frío, choiva, neve, calor, falta de sono... nunca experimentara ningunha cousa coma este viaxe». Na súa viaxe por Galicia só se arrepentira de non ter esperado un barco para ir a Francia e de non visitar a catedral compostelá.

A comitiva chegou a París o 9 de febreiro. O primeiro xornal en falar da estadía de Adams en Galicia foi La Gaceta de Madrid do 24 de decembro de 1779. Ata aquí esta achega sobre un episodio, pouco coñecido, que fala da estadía dun presidente dos EUA (en realidade dous, tamén o seu fillo John Quincy) en Galicia e nos Ancares.

Artigo publicado en arqueoloxiadosancares.blogspot.com/

Describiu as pallozas e quedou conmocionado por como vivían os veciños da montaña