«O meu obxectivo é competir algún día na élite do voleibol»

A xogadora quiroguesa cumpre mañá unha semana en Soria, cidade a que se está adaptando ben


A exdeportista do Ribeira Sacra, Carolina Camino cumpre o venres a súa primeira semana na Concentración Permanente de Soria, un programa de tecnificación da Federación Española de Voleibol na que antes xa estiveron entre outras as exdeportistas da Pinguela, Noelia Sánchez, Jennifer Mendoza, Sara Díaz, María Rodríguez e Antía Rodríguez. A quiroguesa está leda porque dá un paso máis na súa carreira.

-¿Como están sendo estes días?

-Cando cheguei a Soria estaba un pouco nerviosa, pero según vin as compañeiras xa me fun adaptando mellor.

-¿Como é un día aí?

-Levántome as sete e cuarto, Almorzo e unha hora máis tarde xa vou ao instituto [cursa cuarto de ESO]. Estou aí ata as dúas e cuarto, e as e media temos o xantar. As catro comezamos a adestrar ata as oito. Despois vén a cea e o estudo entre as nove e as once da noite.

-¿Que supón para ti estar na Concentración Permanente?

-É un paso máis na miña carreira deportiva. Chego para seguir progresando coma xogadora. A miña meta é competir no volei profesional e seguir os pasos de Noelia e de Antía, que son o meu espello.

-Non foi doado chegar aquí.

-Isto non é unha casualidade. Trátase dunha recompensa ao traballo que levo facendo dende que comecei nas escolas de Quiroga e continuei no Ribeira Sacra.

-¿Que che aporta o voleibol?

-O voleibol é unha obsesión para min. Axudoume a madurar como persoa e, por suposto, coma deportista. Teño catorce anos, e estou no mellor intre para seguir aprendendo.

-Ti xa es internacional.

-Foi un intre moi emotivo, porque representar a selección española é todo un orgullo e o soño de calquera deportista. Espero que sexan moitas máis veces as que compita con España.

-¿Botas de menos Quiroga?

-A terra dun sempre se bota de menos, pero estou en contacto coa miña familia e coas miñas amigas

-¿De quen te acordas?

-Da miña xente e de todos os técnicos que contribuíron a que hoxe estea na Concentración Permanente. De verdade, estou vivindo un soño, e quero responder as expectativas que teñen postas en min.

-¿Como se presenta a Superliga 2?

-Moi igualada. Será un reto apaixonante disputala e competir por estar o máis arriba posible. Teño ganas de que comece.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O meu obxectivo é competir algún día na élite do voleibol»