Visións múltiples do románico da comarca de Chantada

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

A asociación Amigos de Manuel Jorge exporá as obras presentadas ao seu primeiro certame de fotografía artística

20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No Círculo Cultural Recreativo de Chantada será inaugurada mañá -ás 12.30 horas- a exposición «Pedra sacra», que reúne as obras presentadas á primeira edición do concurso fotográfico internacional Christina Snellman, convocado pola asociación Amigos de Manuel Jorge. Ao certame, que tiña como temática o patrimonio románico da comarca chantadina, presentáronse máis de sesenta obras realizadas por 33 autores.

O xurado -integrado por membros da asociación Amigos do Románico de Chantada e do colectivo fotográfico Chíscalle- premiou oito obras. Por un lado, concedéronse dous primeiros premios a fotografías en cor e branco e negro, dotados cada un con mil euros. Houbo ademais dous segundos premios -de catrocentos euros- para fotos en cor e branco e negro e catro accésits de cen euros. Os premios serán entregados no acto de inauguración da exposición, que estará aberta ata o 5 de agosto.

A asociación que promoveu o certame, fundada en outubro do ano pasado, ten como finalidade conservar e difundir o legado do arquitecto e pintor chantadino Manuel Jorge e contribuír á dinamización cultural de Chantada. O concurso leva o nome da esposa de Manuel Jorge, a pintora finlandesa Christina Snellman, falecida no 2014. Os organizadores sinalan que o feito de ter escollido esta temática débese a que o románico é «parte responsable de que Manuel Jorge se namorara da arquitectura». A continuación detállanse os premios desta primeira edición.

 Primeiro premio en cor. A obra escollida foi Un entorno privilexiado, de José Manuel Nóvoa Blanco, realizada na igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo.

 Primeiro premio en branco e negro. Este galardón recaeu en Luces y sombras, unha imaxe tomada por Manolo Méndez Blanco na igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras.

Segundo premio en cor. Nesta categoría foi seleccionada a obra As xentes do románico, de Miguel Gómez Muñiz, feita na igrexa de Nogueira de Miño, en Chantada.

 Segundo premio en branco e negro. O galardón foi outorgado a San Pedro de Bembibre, unha foto desta igrexa de Taboada realizada por Roberto Moriz Lamas.

 Accésits en cor. Neste apartado foron distinguidas as obras O boi e o touro, de José López Pérez -feita na igrexa de Nogueira- e Un pouco de luz sobre Pradeda, do fotógrafo de La Voz de Galicia Roi Fernández, tomada na igrexa de Santiago de Pradeda, en Carballedo.

 Accésits en branco e negro. O xurado concedeu senllas distincións a Cuando las piedras hablan, de Mar López Sotelo -unha imaxe de San Xoán da Cova- e Detalles, de Raquel Lamas Santos, realizada na igrexa de Pesqueiras.