«Os documentos máis antigos sobre a feira de Seoane do Courel son de 1800»

O historiador Pegerto Saavedra falará acerca da tradición feiral do mundo rural nun seminario sobre o patrimonio histórico da serra


monforte / la voz

Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de historia moderna da Universidade de Santiago, participará nun seminario sobre o patrimonio histórico da Serra do Courel cunha conferencia sobre as antigas feiras da montaña lucense e doutras poboacións rurais galegas, un asunto que ten investigado amplamente. A súa intervención terá lugar o 10 de xuño -ás 10.30 horas- na estación científica de Seoane.

-¿Sábese cando comezou a celebrarse a feira de Seoane do Courel, que acaba de recuperarse despois de 35 anos ?

-Non aparece no Catastro de Ensenada, que é de mediados do século XVIII. Os documentos máis antigos que a mencionan, aínda que só de pasada, son de en torno a 1800. Aparece con máis claridade noutros documentos de a partir de 1840, que din que se celebraba o segundo domingo do mes. Despois foron tamén no último domingo de cada mes. Nesa época Seoane tiña o título xurídico de vila e foi a capital municipal desde que se creou o concello, no século XIX, ata os anos corenta do século pasado. En 1860 tiña máis de 250 veciños, mentres que o conxunto do municipio contaba con 6.500 habitantes. Tamén houbo feiras en Folgoso e Ferramulín.

-¿Era habitual que houbese feiras en domingo, como en Seoane?

-Sobre esa cuestión houbera moitos debates un século antes desa época, porque a Igrexa non quería que houbese feiras en domingos e festivos, temendo que a xente non fose á misa. Os veciños replicaban que en moitos campos de feira había capelas e por tanto podíanse oficiar misas. Nalgún caso o clero conseguiu que se prohibisen as feiras dominicais, como fixo un misioneiro en Ribadeo en 1770, pero só por un tempo. En xeral, a Igrexa non logrou suprimilas onde as había.

-¿Con que se comerciaba nas feiras da montaña lucense?

-Sobre todo con gando vacún, ovino e caprino, que tiña moito peso en localidades como O Courel, Cervantes ou Navia de Suarna. Nalgúns lugares comerciábase ademais con mulas, como na Fonsagrada, onde ían mercadores de Castela a compralas. Tamén tiñan moita importancia os produtos téxtiles. Por exemplo, as mantas que se vendían na feira da Fonsagrada pasaban por ser as mellores de Galicia e atraían compradores ata de Santiago.

-¿E o ferro que se producía nestes territorios?

-Nas feiras locais vendíanse moitos utensilios como fouces, gadañas, eixadas, sachos, navallas... Pero o groso do comercio do ferro estaba moi controlado polos propietarios das grandes ferrerías que houbo no Courel e noutros lugares, seguía outras vías e non pasaba polas feiras. Era un produto de exportación moi importante que ía a moitas partes de Galicia, Castela e Portugal.

-¿En que medida contribuíron as feiras ao desenvolvemento dos lugares que as albergaban?

-En moitos sitios foron un factor decisivo de urbanización, como en Monterroso, que non era nin sequera unha parroquia, senón unha aldea da parroquia de Esporiz. Grazas á súa feira medrou ata ser a capital do concello. Pasou o mesmo con Ferreira do Valadouro. A Fonsagrada foi unha parroquia da Pobra do Burón e a feira converteuna en capital municipal. Tamén houbo feiras en lugares despoboados que acabaron por ser núcleos de poboación, como é o caso da Feira do Monte, en Cospeito.

-¿Cales foron as épocas de maior auxe das feiras rurais?

-Había moitas que se celebraban antes do século XVIII, pero nesa época tiveron un gran crecemento, case se triplicaron no conxunto de Galicia. No século XIX apareceron novas feiras e en torno a 1840 había unhas catrocentas en todo o territorio galego. No século XX creáronse algunhas feiras, pero comezaron a decaer despois da Guerra Civil.

-¿Houbo algún problema a causa desa proliferación?

-Houbo conflitos pola fiscalidade, porque moitas feiras eran organizadas polos propios veciños e eran eles mesmos os que cobraban tributos por participar nelas, non os oficiais do fisco da monarquía. Cando as autoridades interviron provocáronse motíns que causaron moita preocupación en Madrid. Tamén houbo disputas entre poboacións que consideraban que outras feiras prexudicaban as súas. En 1754, Mondoñedo e A Proba do Burón queixáronse de que se autorizase a feira de San Froilán de Lugo porque se celebraba en datas moi próximas ás destas localidades.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Os documentos máis antigos sobre a feira de Seoane do Courel son de 1800»