Proposta en Pantón para dotar de protección legal ao poboado da Chaira

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

04 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo municipal do BNG de Pantón pediu a declaración como ben de interese cultural do antigo poboado da Chaira, que albergou aos traballadores das presas hidroeléctricas de Santo Estevo e San Pedro. Esta solicitude forma parte dunha alegación que a formación nacionalista presentou á proposta de resolución de Xunta para a declaración da Ribeira Sacra como paisaxe cultural. Segundo o BNG, este poboado abandonado -propiedade da empresa Iberdrola- merece a máxima protección legal polo seu valor como patrimonio industrial e polo interese paisaxístico do lugar onde se encontra, pertencente á parroquia de Frontón.

O BNG menciona diversas publicacións -como Los poblados industriales gallegos en la recuperación de la modernidad, de Miguel Ángel Álvarez Areces- nas que o poboado da Chaira, construído a mediados do século pasado, é sinalado como un exemplo da arquitectura industrial arquetípica dos encoros construídos pola antiga empresa Saltos del Sil. A declaración como BIC, segundo o Bloque, favorecería a conservación deste núcleo e o seu aproveitamento como enclave turístico.

Visitas ao castelo de Maside

Por outro lado, o BNG presentou unha moción na que pide que o Concello inicie a xestións necesarias para que o castelo de Maside -que conta desde hai tempo coa categoría de BIC- poida recibir as visitas turísticas mínimas marcadas pola Lei do Patrimonio Cultural, que serían catro por mes. A mesma moción pide que o Concello solicite a declaración de BIC para a igrexa románica de Pombeiro.