Compadres entre o lume e os cortes de auga

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A comarca de Lemos iniciou o carnaval rememorando en clave de humor os problemas sufridos nos últimos meses

02 feb 2018 . Actualizado a las 22:20 h.

A pesar do tempo chuvioso e desapracible que reinou onte na comarca de Lemos, os tradicionais compadres de entroido non faltaron á súa cita anual nin se esqueceron de satirizar os sucesos máis destacados dos últimos meses. No barrio monfortino de Rioseco dedicáronse a criticar a xestión dos incendios forestais do pasado outubro, sacando á rúa unha «carroceta» e un «camión cisterna» que consistían respectivamente nunha carreta e unha carretilla cargadas de baldes de auga.

Na praza de España e na rúa Cardeal, o compadres lembráronse dos reiterados cortes de auga que se produciron en novembro e pediron máis rapidez na reparación das avarías. En Ribas Altas formaron unha colorida chirigota que -mediante varias pancartas e letreiros- declarou á parroquia como unha «república dependente do Concello de Monforte» gobernada polo «presidente Puigjamón» e reclamou máis atención para os camiños locais. A situación política de Cataluña tamén inspirou aos compadres de Mañente -en Pantón-, que formaron un «gabinete de crise» reunido arredor dunha fogueira e integrado, entre outros, por Mariano Rajoy e o alcalde José Luis Álvarez.

Tomé xunto a Trump

Mentres tanto, nas escaleiras do centro multiusos coincidiron dous compadres elaborados por diferentes mans que representaban ao alcalde de Monforte e ao presidente de Estados Unidos. O primeiro estivo acompañado por unha escavadora de xoguete e un cartel co lema «José Tomé, asfalto y olé». O segundo mostrou outro letreiro que prometía cerrar cun muro a fronteira de México.

Os compadres da parroquia monfortina de Distriz, como é habitual, mantíveronse á marxe da crítica de asuntos de actualidade e recrearon en detalle unha escena da vida rural tradicional, neste caso das cortas de leña. En Sober, os bonecos preferiron parodiar a histórica banda local converténdoa nunha numerosa e humorística «panda de música» que ofreceu un concerto ante a casa consistorial.