A igrexa de Chantada cumpre 200 anos

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A construcción deste edificio neoclásico comezou no 1793, en parte con material da demolición da capela de Santa Ana

03 ene 2018 . Actualizado a las 13:04 h.

O edificio da igrexa vella de Chantada cumprirá neste 2018 os seus dous primeiros séculos de existencia. Déixao claro a inscrición en latín que se pode ler nos bloques de granito do tímpano da portada: terribilis est locus iste hic domus dei es portra celi anno MDCCCXVIII (Magnífico este lugar que é a casa de Deus e a porta do ceo. Ano 1818).

Encravada nun lateral da praza do Mercado e na esquina do Cantón, un lugar hoxe case que agochado e noutrora a zona de máis actividade social e comercial da vila, atópase a igrexa vella da parroquia de Santa Mariña de Chantada. Trátase dun edificio de estilo neoclásico que loce no centro do casco vello da vila un campanario de sofisticada canteiría.

Nos anos previos ao comezo da construción da igrexa foron tres as visitas pastorais do bispo de Lugo, frei Francisco de Armañá, aló polos anos 1769, 1777 e 1779. En todas encargou a renovación do templo e tamén da sacristía, porque os curas que oficiaban en Chantada tiñan dificultades para revestirse no espazo que tiñan para esta fin. O bispo de Lugo tamén deixou claro que era preciso un edificio relixioso coa fortaleza axeitada para protexer as xoias de gran valor doadas á parroquia de Chantada polo marqués de Astorga.

Así comenzaron as obras no ano 1793 e foi o 13 de xullo de 1801 cando o bispo Felipe Peláez Canedo ordeou demoler a ermida de Santa Ana, na praza que hoxe leva ese nome. Os materias obtidos nesta demolición foron empregados na construcción da nova sacristía.

Imaxinería de Magariños

No interior da igrexa vella de Chantada, son de reseñar as capelas dos laterais, unha adicada a San Antonio e outra a San Xoán Bautista. Tamén cómpre lembrar a calidade da imaxinería que alberga esta igrexa, en particular as obras do recoñecido escultor santiagués Magariños.