Re-existir en Chantada

Diego Taboada OS BIOSBARDOS

LEMOS

24 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Odez de outubro do 2014 decidín impulsar unha charla-debate sobre municipalismo e desenvolvemento en Chantada. A miña intención era lanzar un grobo sonda dende Televinte para percibir a receptividade e interese real que os axentes económicos, políticos, sindicais e sociais chantadeses tiñan por esta cuestión que, máis que una cuestión meramente teórica para académicos e especialistas, é esencialmente unha cuestión praxeolóxica que afecta ás xentes do común.

O resultado foi o que foi: a pesares de insistir en que ningunha organización política bisbaba tralas miñas costas e a pesarde lanzar un educado e vehemente SOS a todo o tecido social chantadés, non máis de catorce persoas asistiron e os poucos vellos que si adicáronse a contar dun xeito comicamente paternalista a historia dos seus fracasos. Teño que dicir, por suposto, que esperaba algo semellante, mesmo cando propuxen esforzarnos en poñer os alicerces dun centro de interpretación social e dun foro-encontro semestral de desenvolvemento, algún presente que pasou sempre por home docto -sic- non quixo ou non puido entender a leria.

O mapeado xeral que fixen daquela, despois dunha serie de charlas concatenadas sobre a brutal «Operación borde protector» do estado de Israel na franxa de Gaza, o 2 de abril do 2014, a anteriormente mencionada sobre municipalismo e desenvolvemento e a que versou sobre «Violencia e medios de comunicación» tomando como marco de experiencia as chamadas marchas da dignidade á capital do Estado, é o mesmo que proxecto a día de hoxe: Chantada é esencialmente un municipio conxelado anacronicamente na inercia, no conservadorismo cultural e político e no tradicionalismo costumbrista, gastronómico e paisaxístico-turístico característico da cotidianeidade do tardofranquismo, mais co efecto diferencial -sic- de poder consumir un monto de mercadorías innecesarias grazas ao crédito ao consumo e ás máxicas hipotecas-milagre para automóbiles e vivenda. O seu tecido económico é cada día máis feble. O seu mercado laboral, hiperprecario, hiperflexible e infrarremunerado en todos os seus sectores clave, ídem.

O seu saldo vexetativo presenta máis mortes que nacementos. A desertización permanente dos seus polígonos industriais e terras de cultivo, así coma a desaparición progresiva e a intermitencia do seu pequeno comercio, son síntomas da total e absoluta ausencia dun modelo de municipalidade integralmente concibido. Tendo en conta esta situación, a e/inmigración precarizada, historicamente cronificada, tanto no proceso de ida coma no de volta, é a Chantada, a escala municipal, o que é para a Galiza, a escala nacional, para o estado, a escala estatal, para Europa, a escala europea, e para este infrarrepresentado caos que veñen en chamar comunidade internacional, a escala planetaria: un lastre que imposibilita obxectivamente o seu desenvolvemento en tódolos planos e unha perda de enerxía social e creativa da que costa décadas recuperarse. Vivir é algo máis que ser receptor pasivo e acrítico de calquera cousa que nos bote enriba o presente: é ser creador proactivo de algo que fortaleza a autonomía das xeracións vindeiras.