«Descubrir un esqueleto como o de Cereixa é excepcional»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Patxi Pérez Ramallo

Pérez estudará os restos humanos da época medieval que foron encontrados na Pobra do Brollón

06 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Patxi Pérez Ramallo ten previsto visitar mañá o castro de San Lourenzo de Cereixa -na Pobra do Brollón- a fin de recuperar o esqueleto humano da época medieval que acaba de ser desenterrado na necrópole descuberta neste xacemento arqueolóxico. Natural de Santiago, licenciado en historia e arqueoloxía e máster en bioarqueoloxía, traballa actualmente desde a Universidade do País Vasco nun proxecto de investigación de antigos enterramentos situados nas rutas xacobeas no que participan especialistas de varios países.

-En Galicia non parece fácil encontrar un esqueleto humano completo da época medieval, como sucedeu en Cereixa.

-Non é nada habitual e menos aínda nun lugar como ese. Na maior parte do territorio galego predominan as terras ácidas e o granito, que aceleran a degradación dos restos óseos. A maioría dos restos humanos antigos descubertos en Galicia conserváronse en certos lugares protexidos da acidez da terra e da acción da auga, como pode ser o sepulcro dun nobre nunha catedral ou unha tumba no subsolo dunha igrexa. O excepcional é encontralos nun sitio como o castro de Cereixa. En lugares deste tipo, o normal é encontrar unicamente os materiais utilizados para construír a sepultura e que os restos orgánicos teñan desaparecido por completo ou que só queden uns pequenos vestixios sen valor para a investigación. En Galicia hai moi poucas excepcións e por iso o de Cereixa é un achado dun interese moi alto.

-¿Que tipo de investigacións pensan realizar con estes restos?

-Faranse estudos de varios tipos coa fin de obter informacións sobre as condicións de vida da época en que viviu esta persoa. Por unha parte, realizaranse análisis osteolóxicas para determinar se se trata dun home ou unha muller e para facer unha estimación da idade que tiña este individuo no momento do seu falecemento. Con estas análises tamén é posible saber se sufriu algún tipo de traumatismo ou de enfermidade. Por outro lado, levarase a cabo unha análise de isótopos que pode permitir saber como era a súa dieta. E farase tamén unha secuenciación de ADN para investigar as súas características xenéticas. Claro que todo iso dependerá do estado de conservación en que se encontren os restos óseos. Haberá que velo todo no terreo e despois no laboratorio.

-¿Hai algunha parte do esqueleto que teña un interese especial para este estudo?

-Cada parte ten o seu interese. Para determinar o sexo e para estimar a idade son especialmente útiles o cranio e a pelve. A columna vertebral pode indicarnos se o individuo padecía algúns tipos de patoloxías. A análise das costelas é interesante para saber se sufriu tuberculose. As extremidades, como as mans, os pés e as tibias, poden dar tamén moita información sobre varias patoloxías. E os dentes tamén teñen moito interese, porque poden axudar a detectar diversas enfermidades e a precisar a súa idade. Se están moi desgastados, por exemplo, poden deberse a que a persoa tiña máis de 45 anos de idade cando morreu.

-Os restos parecen ser dunha persoa de baixa estatura. ¿Iso era algo moi común na época medieval, como se di moitas veces?

-Non sei moi ben cales eran as estaturas medias dese período, pero iso é algo que depende moito de cada caso. Teño estudado esqueletos desa época que tiñan a mesma estatura que eu, e mido un metro oitenta e un.

A retirada das pezas óseas da sepultura, un traballo complexo e delicado

As técnicas que se utilizarán para completar a exhumación do esqueleto encontrado no castro de Cereixa, segundo explica Pérez Ramallo, dependerán do estado en que se encontren os restos.

-¿Como se leva a cabo este traballo?

-Antes de manipular a tumba hai que facer un rexistro fotográfico e unha serie de anotacións para que quede constancia de como se encontraban exactamente os restos no momento en que foron achados. Despois procédese a limpar os ósos para que se vexa ben a súa posición orixinal. Para iso non se utilizan instrumentos de metal, porque poden danar os restos, senón uns pinceis e unhas paletas de madeira de bambú ou de laranxo. É posible que fagamos tamén unha fotogrametría para realizar despois unha reproducción en tres dimensións do enterramento. Cando termina esta fase procédese a retirar o esqueleto da sepultura para analizalo despois no laboratorio.

-¿É mellor extraer os ósos un por un ou retiralo todo ao mesmo tempo?

-O ideal é ir retirando os ósos de forma individualizada, pero iso non sempre é posible porque ás veces están moi fraxilizados e poden desfacerse durante o traballo. Nese caso pode optarse por retiralos en bloque, xunto coa terra en que están depositados, para separalos despois pouco a pouco no laboratorio. Nese caso vaise facendo unha delimitación e, dependendo do estado en que se encontren os restos, poden retirarse ao mesmo tempo varias vértebras, por exemplo.