chantada / la voz

A baixada do nivel das augas no encoro de Belesar non só puxo ao descuberto o promontorio de Castro Candaz. A grande presa hidroeléctrica inundou no seu día os soutos e viñas de San Fiz de Asma, en Chantada, e terras das parroquias do Saviñao próximas ao muro da presa, onde foron tomadas estas fotografías. A retirada temporal das augas nesta parte do curso do Miño fixo saír á luz paisaxes núas de vexetación onde hoxe reinan a area, a pedra, os troncos das árbores mortas e tamén o lixo. Un espazo alterado dúas veces pola man do home. Unha primeira vez, ao longo dos séculos e de xeito artesán para domesticar a natureza construíndo muras, adegas e camiños. E outra moito máis recente, de carácter industrial, que a anegou para ocultala, pero non para sempre.

Curiosidades xeolóxicas nas rochas, erosións imposibles, troncos e polas aínda ergueitas logo de medio século no reino do silencio e coas súas gallas en acitude casi humana. Sulcos de regatos tamén secos, como o que foi o escenario da morte do Piloto, o derradeiro guerrilleiro. Cromatismos de lodos e areas, contrastes que rozan o extraordinario ou que máis ben parecen recollidos polas cámaras de sondas espaciais explorando outros mundos. Escaleiras no medio da nada, ferros, zapatos e botas de quen sabe quen engulidos pola terra, plásticos, óxido, vellas construcións convertidas en arqueoloxía. E na mesma presa tamén quedou ao desuberto a cara interior da xigantesca bóveda de gravidade de formigón que retén a masa de auga do maior encoro de Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

En Belesar non só se ve Castro Candaz