Castor Novoa considera o Folión de Carros como o gran referente das festas de Chantada
25 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O tenente de alcalde de Chantada, José Castor Novoa Fernández, destaca a calidade do programa das festa do Carme. O concelleiro fai fincapé no Folión de Carros e na Festa da Empanada como os dous pratos fortes dos festexos.
-¿Como se presentan as festas?
-Moi animadas, porque nos últimos días incrementouse a afluencia de público en Chantada, e iso tamén se nota no tráfico. Son uns festexos nos que se reúne moita xente, porque se converten na clausura do verán.
-¿Que destacaría do programa?
-Hai unha aposta decidida polo continuísmo e pola calidade en todas as actividades e atraccións musicais que as presidirán. De todos os xeitos, eu quero destacar o programa cultural que a concellería de Cultura preparou durante o verán. Pretendemos ambientar todas as semanas da época estival, o que fai que os recursos estean máis repartidos. Están orientadas para todos os públicos, e aquí quero destacar o teatro e o cinema, dentro da oferta. A xente está contenta con esta fórmula.
-¿Cal é o prato forte do programa?
-O Folión de Carros, que se converte no sinal de identidade dos festexos e de Chantada. É un dos acontecementos máis esperados por parte do público e ademais é o que máis publicidade lle dá á comarca, xunto coa feira do viño. Estes dous certames son os buques insignia de Chantada.
-E o colofón, a Festa da Empanada.
-Podemos considerala como a nosa romaría, porque son moitas as familias que se achegan o martes á carballeira de San Lucas comer e pasar unha xornada de confraternidade, todo moi ben ambientado con música tradicional e moderna. É a vertente máis local dos festexos de Chantada.
-¿Que os levou a elixir a Félix Pérez Román como pregoeiro do Folión de Carros?
-É unha persoa moi querida en Chantada, porque durante moitos anos Félix, xunto con Faquis e Valencia, estiveron moi implicados no folión. Eu recordo que cando era máis novo e participaba na elaboración e confección dos carros, eles estaban aí. Apostaron moito por este acto.
-¿Que actuacións levan a cabo actualmente no concello?
-Rematamos dentro do POS a primeira fase de construción das beirarrúas da estrada que conduce ao poboado de Fenosa. O ano que vén acometeremos a segunda fase, que irá ata Basán. O investimento da primeira ascendeu a 70.000 euros. Por medio do obradoiro de emprego acondicionamos a praza de Galicia, un espazo no que colocamos unha fonte, mellorando así mesmo a súa estética.
-¿Realizaron algunha obra no polígono industrial?
-Entrou en funcionamento a depuradora. Tamén quero destacar que acondicionamos a pista polideportiva que hai detrás do pavillón, unha actuación na que investimos 20.000 euros. Equipamos o auditorio con megafonía nova e colocamos nova iluminación na piscina.
-¿Que proxectos levarán a cabo nos vindeiros meses?
-Imos ampliar un parque infantil que está situado a carón das piscinas, porque é unha demanda que temos dos pais, que ven como o espazo actual quédase cativo. Nesta actuación investiremos 36.000 euros. Cambiaremos os columbios da zona do Sangoñedo, que xa están bastante deteriorados. Tamén temos solicitado outro obradoiro de emprego para arranxar as barandillas do paseo fluvial e construír unha nave no polígono industrial para gardar a maquinaria do concello.
-¿Que mensaxe lle traslada aos lectores?
-Convídoos a que nos visiten e gocen duns festexos de calidade, que porán punto e final ao verán.