«Gran parte de Quiroga foi da diócese de Astorga»

O sacerdote e escritor Jesús Ramilo Río presentará o venres a primeira parte dun extenso estudio histórico sobre a comarca


quiroga / la voz

Na Casa de Cultura quiroguesa será presentado o venres -ás 20:00 horas- o libro Tierras de Quiroga. Notas para la historia de la comarca, escrito por Jesús Río Ramilo, párroco da Ermida. Trátase da primeira entrega dunha obra en dous tomos que se edita co apoio do Concello. Con anterioridade, Jesús Río publicou un estudo sobre a presenza da Orde de Santiago no Courel e outro sobre a historia da parroquia da que é sacerdote.

-¿Que época histórica abranxe esta obra?

-Como a xente da comarca de Quiroga xa ten moita conciencia do pasado romano destas terras, decidín comezar nunha época un pouco posterior. O período romano ten moita importancia, pero ten unha duración limitada, de arredor de cinco séculos, mentres que a historia de Quiroga é moito máis longa e ten aspectos moito menos coñecidos que me parece interesante divulgar. Por exemplo, a historia do túnel de Montefurado non se limita ao período romano. Despois pasaron moitas cousas que están menos divulgadas, como os intentos que houbo nos séculos XIX e XX de abrir novas explotacións mineiras nesa mesma zona. Este primeiro tomo chega ata os principios do século, coa chegada do ferrocarril

-¿Hai algún aspecto da historia local ao que lle preste unha atención especial?

-Preocupeime especialmente pola historia das xurisdiccións eclesiásticas, que é moi longa e bastante complexa. Quiroga ocupa un lugar importante na historia da formación das parroquias galegas. Foi unha das chamadas protoparroquias que houbo en Galicia no séculos V e VI. Hoxe pertence na súa totalidade á diócese de Lugo, pero isto só é así desde mediados do século pasado. Unha grande parte do municipio, ao igual que o de Ribas de Sil, pertenceu durante moito tempo á diócese de Astorga. E houbo dúas parroquias, a da Ermida e a de Hospital, que non eran nin dunha doutra, senón unha xurisdicción da orde de San Xoán de Xerusalén.

-¿Cantas parroquias dependían do bispado de Astorga?

-A maior parte das actuais. As únicas que dependían tradicionalmente da diócese de Lugo eran as de Pacios da Serra, Augas Mestas, Quintá de Lor e Vilar de Lor. A situación cambiou a mediados do século XX, cando houbo un acordo para facer coincidir os límites das dióceses e das provincias.

-¿Estes cambios de diócese das parroquias foron frecuentes?

-Non, é un feito moi pouco habitual. Normalmente os bispos mostrábanse moi renuentes a ceder parroquias a outras dióceses veciñas. Sobre todo cando eran parroquias como as de Quiroga, moi poboadas e con moitas vocacións relixiosas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Gran parte de Quiroga foi da diócese de Astorga»