Nostalxia e realidade do Courel quirogués

xosé Estévez QUIROGA

LEMOS

AS FOTOS DO CARLOS

O autor rememora como era a vida na aldea de Soldón da Seara e reclama solucións contra o despoboamento rural

11 abr 2017 . Actualizado a las 14:31 h.

Nos anos da miña nenez pasei longas temporadas no Soldón da Seara, aldea natal da miña mai. Daquela pertencente ao concello de Folgoso do Courel e cara o ano 1970 incorporada ao de Quiroga, a aldea áchase a uns 25 quilómetros da vila e a novecentos metros de altitude, suavemente deitada nunha ladeira á beira da estrada de Quiroga a Oencia e arrodeada por un mesto souto, que a agarima de ventos e friaxes. Atravesa a aldea o carrozo do Pinacedo, que desemboca no río Soldón. Hoxe non chega a vinte habitantes, cando noutra época tiña máis de trinta veciños.

Lembro con nostalxia aquelas estadías, sobre todo estivais, na casa dos Tumbarós, nosos parentes, ou na do meu tío, Juan Antonio. No fogar dos primeiros vivían a mai, a señora Rosa, tres fillas, Manuela, Sara, Lucía, e dous fillos, Alfredo e Adolfo. Todos eles traballadores, hospitalarios, ledos, agasalladores, xenerosos, cantaríns e festeiros. Lembro con agarimo sobranceiro a esta familia, pero tamén outras: Os da Fonte, Os de Enriba, co bon petrucio Adolfo, Os Prada, Os García, Os de Alvito, Os Arza, Os do Cego, Os do tío Casiano, Os do Mazo, Os da Aira, Os da Calella, Os do Penedo, Os do Tío Baldomero, os de Baixo, emparentados cos Quiroga polo casamento de Ramonita, e outros que o desgaste neuronal non me permite lembrar, polo que lles pido mil perdóns. Os Tumbarós eran os principais ramistas. A famosa orquestra dos Padernes, enteira ou pola metade, era asidua da festa de San Miguel, que se celebraba ata que a parella da garda civil daba o toque de queda. A veces alongábase o peche, para o que se utilizaba un raposeiro subterfuxio: e embebedar á parella da benemérita, que subía a cabalo dende Quiroga.

Todos os domingos organizábase un campionato no patio dos bolos, hoxe ocupado pola estrada que atravesa a parte baixa da aldea. O premio dos vencedores consistía nunha bola de pan, unha ola de viño e unha lata grande e redonda de sardiñas, que con frecuencia obtiñan os dous irmáns Tumbarós, xebres especialistas no xogo, aínda que da paparotada participaban todos. Despois había troula, amenizada por algún gaiteiro coma o meu tío Xesús.