Belesar, a vella vila fluvial que sobrevive entre dous encoros

Repaso en imaxes antigas aos cambios sufridos por esta localidade ribeirá situada entre Chantada e O Saviñao


chantada / la voz

Poucos lugares resultan tan acaídos como Belesar para explicar os cambios vividos no último medio século polos poboadores da ribeira do Miño. Dividido en dous barrios, un na beira de Chantada e outro na do Saviñao, esta localidade deulle nome ao encoro máis grande de Galicia e as súas casas libraron de quedar anegadas pola central dos Peares, pero non de ver alterada a súa vella fisonomía de vila fluvial. Estas dez fotografías explican eses cambios.

Non se pode dicir que alguén víu realmente unha cousa ata que non se comproba o feito cunha fotografía dela, dicía Zola. Certo ou non, a Manuel Lorenzo Nóvoa, que é quen informa sobre este conxunto de imaxes, parece que non lle fai falla mirar para elas para dar todo tipo de detalles.

. Unha procesión na vella ponte, nunha fotografía tomada no ano 1935 dende a Casa de Valladares. O crego está no medio rodeado de mulleres, todas elas con pañoleta branca, nun detalle que hoxe resulta curioso pero daquela era habitual. Na outra beira, parte das casas da beira de Lemos. Arriba, a Casa dos Regales ou Patiños coa galería que aínda conserva tras dunha boa restauración

. Belesar ao pé do río e A Ermida, outra aldea da parroquia de San Bartolomeu de Belesar na que domina o verde dos prados e as mazairas na ladeira do río de Santa Lucía. Na parte de abaixo desta aldea e ao pé da estrada da estrada está a vella Granxa da Ermida, que hoxe alberga unha importante adega

. A vella ponte co seu arco central de medio punto entre outros de oxiva, todos eles de enormes perpiaños da boa pedra de granito desa zona do Miño.

. A ponte e a beira chantadina da aldea, nunha foto sacada dende A Laranxeira. Falta a actual estrada, construída en 1927. A vía cara Chantada era o camiño romano dos codos que a partir da Casa de Valladares (na foto, no alto da aldea) partía baixo un rechamante emparrado que daba sombra aos camiñantes

. Nesta imaxe dos anos 50 vese á familia da Casa do Paradela na súa lancha. Están xunto á presa dos Peares aínda co encofrado sen retirar porque, daquela estaba en construción

. 200 metros augas arriba da desembocadura do río da Santa Lucía están Os Poexos, un gran penedo que parece fendido en dous. Formaban una illa no Miño na que a auga pasaba polo medio cando había chea. Era un dos mellores lugares para coller lampreas, pero un pouco perigoso. A foto está sacada no 2003, durante unha baixada de nivel que as deixou á vista

. A zona de Augamil na beira do Saviñao, foi o lugar que escolleu o fotógrafo para ver a vella ponte e a casa de Valladares e o curioso chopo ou ciprés que se ve ao pé do río

. Póster de turismo dos anos 80. A aldea garda aínda unha harmonía no urbanismo, cores e materiais e a estrada da Cova non era nin proxecto

. Nestra foto tomada dende a curva de Soto, vese toda a aldea do Saviñao e a chamada Casa dos Coletes (a primeira pola esquerda)

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Belesar, a vella vila fluvial que sobrevive entre dous encoros