Os Peares énchese de andoriñas

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Oitos murais suavizan a difícil paisaxe arquitectónica desta localidade

06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Viñamos de pintar en Vigo e o contraste foi brutal». Nin Xoana Almar nin Miguel Peralta estiveran antes nos Peares, a localidade dividida entre catro municipios e dúas provincias na que se unen a Ribeira Sacra do Miño e a do Sil. O consorcio de turismo elixiunos a eles e a Doa Ocampo para materializar o proxecto de suavizar a base de murais a difícil paisaxe urbana dos Peares.

Os tres traballaron durante o verán e o resultado xa se pode ver. Oito edificios coa fachada sen recebar ou coa pintura moi desgastada locen agora diferentes deseños. Os sete asinados por Xoana Almar e Miguel Peralta, integrantes da cooperativa artística Cestola na Cachola, son sede en Lalín, teñen nas andoriñas un elemento común.

«Miguel e eu -conta Xoana Almar- decidimos traballar o tema do ferrocarril». O argumento non é malo, porque Os Peares medrou arredor da estrada que atravesa a desembocadura do Sil no Miño para comunicar Monforte e Ourense, pero sobre todo grazas á vía do tren que segue o mesmo camiño. Ademais, a maior parte dos edificios ofrecidos polos veciños para que os pintasen están nas cercanías da vella estación ferroviaria local.

De feito, o mural central dos que levan a sinatura de Cestola na Cachola está xusto ao lado das vías. Nel vese vir unha locomotora de vapor pola que agarda un home con cabeza de andoriña que ten unha maleta da man. Hai andoriñas tamén na maior parte das edificacións pintadas por Xoana Almar e Miguel Peralta. «Usamos a andoriña -explica ela- como símbolo dun personaxe que emigra e que ten que ver coa sensación de pobo que marcha, de terra abandonada que nos dá esta parte do interior de Galicia».

O seu mural central leva como rúbrica o lema «Andoriña asolagada marcha. Primavera galega, non tardes en chegar». Eles non estiveran nunca antes nos Peares, pero o ano pasado xa lles encargaran murais noutros puntos da Ribeira Sacra, así que tiveron ocasión de coñecer as historias das aldeas asolagadas polos encoros. O lema do mural do tren é a súa resposta en forma de reivindicación.

Máis alá do contido dos murais, os seus autores enfrontáronse tamén a considerables dificultades técnicas, porque moitas das paredes elixidas son pouco axeitadas para este tipo de composicións. A maioría non eran medianeiras lisas, senón fachadas con fiestras e outros elementos como ladrillos colocados de maneira que os buratos quedan á vista e que impiden pintar escenas con continuidade. A única excepción é a da locomotora, un espazo amplo e sen interrupcións, pero co problema de que está rodeada de cables, o que fixo o traballo máis lento.

Recén chegados de atender un encargo similar na cidade de Vigo, o cambio de ambiente resultoulles evidente. E non só polo entusiasmo que viviron durante a campaña das eleccións que volveu gañar o candidato criado nos Peares. «En Vigo -explica Xoana Almar- pasaba xente continuamente polo sitio no que traballabamos e falábannos moito ». Nos Peares todo era máis pausado e a curiosidade máis matizada.