Soutos novos para a Serra do Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

carlos rueda

A estación científica de Seoane realizará unha plantación piloto para estimular a creación de bosques de castiñeiro

05 jun 2016 . Actualizado a las 17:18 h.

A Estación Científica do Courel (ECC) pretende potenciar a plantación de novos soutos na serra por considerala como unha importante posibilidade de desenvolvemento económico para a zona. Vai facelo, por unha parte, mediante unha plantación experimental que se levará a cabo a partir do outono na zona norte da serra. Esta será posiblemente a primeira vez que se plante un novo bosque de castiñeiros no Courel en moito tempo. «Non sabemos con certeza se algún veciño plantou algún souto nas últimas décadas, pero a nosa é con certeza a primeira plantación que se faga na serra cun propósito de investigación», explica Antonio Rigueiro, o director do centro.

Por outro lado, a estación acollerá en xullo un curso de verán da Universidade de Santiago que se dedicará aos soutos da serra e que incidirá de forma especial nas novas plantacións. Con estas iniciativas, Rigueiro espera que se desperte o interese por este tipo de iniciativas, que ata agora teñen un peso moi limitado non só no Courel, senón en todo o territorio lucense. «Na provincia de Ourense estanse facendo moitas plantacións novas, como tamén sucede no norte de Portugal, pero na de Lugo hai pouco movemento neste sentido», explica.

O director da ECC apunta que plantar novos soutos pode ter un interese especial nunha zona como a do Courel. «Na serra hai moitos soutos antigos, pero por unha parte teñen o problema de que en grande parte están abandonados e descoidados á causa da caída demográfica e por outro, que conteñen moitas variedades de castaña mesturadas, o que é un inconveniente moi grande para o seu aproveitamento económico», explica.