A nosa compañeira e voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte, María Xosé, deixounos despois dunha longa enfermidade. Era unha desas poucas persoas que ante unha situación como a súa se bota arriba, mantendo a forza e o ánimo. Nunca a vimos nunha reunión ou nunha rolda de prensa mostrar o máis mínimo desánimo, e isto, queridos veciños e veciñas, é moi difícil, moi difícil. É duro. Non vale calquera. Para min xa era difícil tan sequera ensaiar un sorriso, poñer o mellor dos ánimos, cando ao lonxe a vía achegarse camiñando pola mesma beirarrúa. Ata que che daba os dous bicos que para ela eran de rigor non te decatabas, de que o difícil se pode converter en sinxelo, en esperanza e en ganas de loitar.
Só vías que a súa serenidade se quebrantada un pouquiño, e tívoas moi duras como cando os efectos do tratamento eran visibles na pel da súa cara, ao denunciar na radio ou diante duns xornalistas unha atención ou un tratamento que non chegaba, cando pedía que os pacientes da nosa zona fosen a Ourense a tratarse en vez de andar peregrinando por toda a provincia para radiarse do seu cancro en Coruña. Cando reivindicaba os servizos de radioterapia ou tratamento dos infartos as 24 horas no HULA.
E aguantar o tipo neses momentos cando tes un cancro é de grandes. Non vale calquera. Hai que telos ben postos. Dous días antes de marchar do noso lado aínda ansiaba retomar o traballo na plataforma, a loita en defensa dunha sanidade pública para todos, sen recortes, sen mentiras, sen enganos...
Por ti, por todas as persoas como ti paga a pena estar aí nesta loita. Maria Xosé, co noso cariño, estás no noso recordo.