Cal de Vilamor para a bioconstrución

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

A cocción de pedra caliza realizada o pasado sábado desperta un amplo interese

09 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A experiencia de fabricación artesanal de cal realizada o pasado sábado en Vilamor do Courel chamou a atención de numerosas persoas interesadas nas técnicas tradicionais de construción. Os organizadores da demostración -a asociación cultural Fonte do Milagro e o colectivo cultural de Vilamor- mesmo recibiron unha solicitude para comprar o produto obtido no antigo caleiro da localidade. «Unha asociación galega dedicada á bioconstrución púxose en contacto connosco para ver se é posible que lles vendamos ao menos unha parte do cal que saquemos do forno, para estudalo e experimentar con el», sinala Evaristo Méndez, presidente do primeiro dos referidos colectivos.

A expectación causada por esta experiencia explícase polo insólita que resulta hoxe en Galicia unha iniciativa deste tipo. Hai moito tempo que caeron en desuso os vellos fornos que funcionaban na Serra do Courel e noutros territorios calizos -o caleiro de Vilamor deixou de acenderse hai arredor de sesenta anos- e as recreacións desta antiga técnica son moi infrecuentes. O único precedente que coñecían os organizadores da exhibición realizada no Courel é unha experiencia similar que se levou a cabo en Mondoñedo no 2007.

O cal que se obtivo na cocción realizada en Vilamor aínda non foi extraído do forno, xa que é preciso esperar bastante tempo -en torno a dez días- para que enfríe por completo. Os promotores da demostración teñen previsto organizar outro acto público cando se efectúe esta última etapa do proceso. «Farémolo posiblemente o día 21 pola tarde», explica Evaristo Méndez.