«Un destilado de calidade perde moito servido nun chupito»

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O Centro do Viño acolle unha cata de augardentes e licores de Galicia

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hixinio Rodeiro, técnico do consello regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, impartirá mañá xoves unha cata no Centro do Viño da Ribeira Sacra. Degustaranse os diferentes destilados que ampara esta indicación xeográfica protexida: augardente de bagazo, augardente de herbas, licor de herbas e licor café. «Entre as funcións do consello regulador está a promoción dos seus produtos. Fanse catas periodicamente destinadas a consumidores, profesionais da hostalería e tamén para comerciais en feiras especializadas. Trátase de poñer en valor un produto que ten unha orixe e unha calidade diferenciada», explica este experto.

-¿En que consistirá a cata no Centro do Viño?

-Será unha charla acompañada dunha cata. Falaremos do que fai o consello regulador, dos antecedentes deste tipo de bebidas en Galicia, da forma de servilas... A cata permitirá aos asistentes achegarse ás súas características. Que saiban, por exemplo, que unha augardente feita con bagazo dunha determinada variedade de uva pode ter tamén matices diferenciados.

-¿Poden diluírse eses matices cun servizo pouco axeitado?

-O servizo ten moita importancia para valorar a calidade do produto. Un consumidor esixente non se conforma con destilados servidos nun chupito ou sacados do conxelador.

-¿Copa mellor que chupito?

-En vez do chupito é mellor un tipo de copa que axude a captar os aromas dos destilados. As abombadas e de boca estreita son as máis idóneas.

-¿Que ten de malo meter os destilados no conxelador?

-As baixas temperaturas anulan moitas virtudes e serven para disimular defectos. Para augardente branca e de herbas, recomendados servir entre oito e dez graos. No caso da augardente envellecida en barrica e dos licores pode ser algo máis alta, entre quince e dezaoito graos. Son os valores que aconsellamos.

-¿Serve unha boa augardente para as gotas do café?

-Sempre que se use augardente de calidade, é positivo ampliar o tipo de degustación. Se garantimos a personalidade do destilado, as mesturas tamén están ben. Hai un concurso promovido polo consello regulador no que se premia o mellor cóctel elaborado cos nosos destilados.

-¿A etiquetaxe aínda é un lastre no caso dos destilados?

-Unha etiqueta é unha garantía de orixe e calidade. O problema é que o consumidor segue pensando que non ter etiqueta é sinónimo de produto artesanal, e non é así. No viño está superado, nos destilados aínda existen reticencias coa etiqueta.

-¿Non todo produto anónimo é artesanal?

-Se venden como caseiras augardentes e licores que non o son. A produción artesanal non dá para abastecer a toda a restauración. Non hai nada que acredite a súa orixe e iso supón un risco sanitario. Estanse a vender como caseiros destilados que non son nin de Galicia.

-O consello regulador está na rede contra o consumo de alcohol por menores. ¿Como fomentar un uso responsable nos maiores?

-Os destilados naceron con fins terapéuticos, polas súas virtudes dixestivas e doutro tipo. Pero non nos equivoquemos, estamos falando de bebidas alcohólicas de alta gradación. Estas catas buscan precisamente fomentar un consumo responsable e moderado dun produto que forma parte da nosa tradición.

hixinio rodeiro técnico do consello regulador de augardentes de galicia