O día 13 de xaneiro de 2015 as xentes do Courel dixeron adeus a Ilda Rodríguez Macía, a grande rapsoda da serra. Era unha tarde de brétema. Todo estaba calado. Todo rendía culto a Ilda. Centos de persoas de toda a rodeada achegáronse a Folgoso para dicirlle a Ilda que a querían. Pero especialmente estaban os Amigos do Filandón de Músicas do Courel e toda a súa entrañable familia.
Alí estaban os gaiteiros do grupo O Recanto de Quiroga, que acompañaron coas súas gaitas a Ilda no seu camiño ao máis alá. Pero Ilda seguía cantando a Mora Linda, a Pastora do Courel, o Cantar do caldeiro e tantas e tantas outras? Pero tamén estaban os Cantores da Seitura de Margaride do Lor, Argentina e Milín, que coas súas voces apesaradas entoaron Probecita la pastora. Un servidor atreveuse tamén a dedicarlle La casa está triste, o mesmo cantar que Ilda lle dedicara no seu derradeiro adeus á Avoa do Filandón, a señora Elvira Touzón de Santa Eufemia. Moitos outros amigos do Filandón e veciños estaban ao pé de Ilda.
Ilda foi a grande transmisora das vellas cantigas. Voz cristalina, como cristalinas son as augas de Ferreirós que a viron nacer. Centos de cantigas de todos os xéneros quedan reflectidas nos libros de Músicas do Courel. Que satisfacción sentir que a súa música xa non morre! Segue vivindo nas liñas dos pentagramas, nos rexistros sonoros e tamén nese fermosísimo libro-son Cantares da Serra do Courel que a sorte me concedeu poder publicar.