«Parece mentira, pero aínda hai quen come amanitas phalloides»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

CARLOS CORTÉS

Os Lactouros presentan as especies de fungos que están saíndo este outono

05 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguramente poderá vostede identificar sen maiores dificultades unha cerrota, de nome científgico Macrolepiota procera, que é a especie de cogomelo comestible máis popular na comarca de Monforte. Pero quizais non saiba que existe outra especie do xénero macrolepiota praticamente idéntica á cerrota que precisamente a estas alturas do outono está empezando a sustituir á súa parenta famosa, xa en retirada. Pois pódenllo explicar los voluntarios da asociación Os Lactouros se visita a exposición de cogomelos inaugurada onte a última hora da tarde na Casa da Cultura dentro da edición 34 das Xornadas Micolóxicas de Monforte.

Os dous tipos de macrolepiotas están xuntos nun extremo da zona de exposición. A xente dos Lactouros explicaralle que non ten por que preocuparse, que aínda que sexan moi facilmente confundibles entre si, non hai ningún problema porque as dúas son comestibles. De feito, a Macrolepiota fuliginosa, a falsa cerrota, é incluso un pouco máis sabrosa que a outra.

A exposición mostra decenas de especies recollidas estes días nesta comarca. Hainas comestibles, sen valor culinario e tamén venenosas. Como a tamén famosa Amanita phalloides, ao parecer a causante da grave intoxicación que sufriu a semana pasada unha familia ourensana. «Parece mentira, pero aínda hai quen come amanitas phalloides», comentáballe tras a apertura da exposición Ramón Díaz Fernández, o presidente dos Lactouros a un dos seus compañeiros de asociación que axudaron a montala. Díaz recorda que no caso das amanitas hai que ter aínda máis precaución que con calquera outro xénero. Hainas comestibles, pero tamén moi perigosas, e non é doado distinguir unhas das outras. «Ninguén debe consumilas sen estar completamente seguro, e sempre as hai que cociñar previamente», advirte.

En maio non, agora si

Este atípico outono está sendo rácano coas cerrotas, pero medran en abundancia outras especies tamén moi apreciadas, que están representadas na exposición. É o caso dos Cantarellus cibarius, un cogomelo moi saboroso que ten a súa brotación principal no mes de maio. «Este ano en maio apenas os houbo, pero curiosamente están saíndo agora en cantidade», conta Ramón Díaz.