«Se aplicasen a norma con rigor, caeríamos todos»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Manuel Casares, nunha imaxe de arquivo na finca na que criaba xabaríns en semiliberdade.
Manuel Casares, nunha imaxe de arquivo na finca na que criaba xabaríns en semiliberdade. alberto lópez< / span>

A sociedade de caza Val de Lemos organiza un curso formativo sobre a nova normativa para batidas

10 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Casares está convencido de que a maior parte dos cazadores aínda non coñece as esixencias da normativa legal que regula as batidas desde o ano pasado. Por iso a sociedade Val de Lemos, que el preside, lle pediu á Federación Galega de Caza que organizase en Monforte unha xornada formativa sobre seguridade. Celebrarase o sábado na antiga escola de capacitación agraria. Poderán asistir ata cen persoas, pero é preciso apuntase antes de mañá.

-¿Canto tempo leva a nova normativa en vigor?

-Está vixente desde o ano pasado.

-¿E os cazadores aínda non a coñecen?

-Eu diría que non.

-¿As normas novas son moi distintas ás anteriores?

-Cambian cousas, si. A xente non coñecen as obrigacións que ten, e despois veñen os problemas. Os cambios afectan a todos os que participen en batidas e moi especialmente aos que actúen como xefe da batida. Asumen máis responsabilidades que antes. En realidade o cambio fundamental é que agora as normas son máis ríxidas, máis esixentes. Por exemplo, agora é obrigatorio levar chaleco reflectante, algo que antes era optativo. Tamén hai que ser estricto cos postos fixos, ninguén se pode mover, e coa distribución dos xefes de batida, coas distancias a núcleos e a estradas... Moitas normas xa existían antes, pero en xeral agora aparecen na lei dunha maneira más clara. As sancións tamén son máis estritas. A xente tense que acabar de convencer de que na caza maior non se pode andar xogando, porque despois chegan os accidentes.

-A Administración está aplicando con rigor esta nova regulamentación?

-A verdade é que non. A Administración estivo ata agora máis ben informando, tratando de facerlle ver á xente como hai que facer agora as cousas.

-¿Se a Xunta se puxese a aplicalo xa de forma rigorosa habería moitas multas?

-Si.

-¿Para todos?

-Se se aplicase a norma con rigor, caeríamos todos, e eu inclúome. Temos que admitir que neste momento non hai quen cumpra a normativa ao 100%. Precisamente por isto quixemos na sociedade Val de Lemos que se celebrase aquí un curso para os cazadores, para que todo o mundo teña claro que é o que se pode facer e que cousas xa non van ser posibles. En realidade, se comparamos o conxunto de normas que regulan as batidas coas existentes por exemplo en materia de tráfico ou de sinistralidade laboral, as cinexéticas son moi pouca cousa. Pero temos que reducir todo o que se poida o perigo de accidente, de mortes.

-¿Son os cazadores máis refractarios que outros colectivos a cumprir as normas?

-Non, o que pasa é que ata agora estabamos un pouco deixados de lado. É certo que non por descoñecer a lei estás libre de cumprila, pero tamén é verdade que moitas veces mentres non pasa nada pásase un pouco. O problema chega cando pasa algo. E hai que dicir tamén que ata agora había moita desinformación. Cursos como o desta fin de semana pretenden explicar como teñen que comportarse os cazadores, que hai que levar, as distancias mínimas, os tipos de armas... A xente non pode pensar que para saír ao monte chega con coller a arma e listo. Hai que cumpir as normas, pero non polos que as dictan, senón por nós mesmos.

manuel casares cazador