O Consello da Xunta aprobou onte a proposta feita o pasado mes de maio pola comisión oficial de turismo
04 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A Xunta aceptou onte a proposta de Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, na que solicitaba que o Concello fose declarado municipio turístico de Galicia. O rexedor avanzou a finais do mes pasado que a comisión de turismo da Xunta deu o visto e prace o pasado 22 de maio a proposta, pero ata onte non foi aprobado por parte da Xunta.
O Concello pasou varios meses traballando na elaboración dun expediente completo, no que hai información sobre o patrimonio, os recursos paisaxísticos, naturais e culturais, para conseguir este recoñecemento.
«Levamos anos coidando os recursos dos que dispomos e que puidemos mellorar grazas ás axudas da Xunta -afirman desde o Concello-, destinadas ás adegas, ás casas de turismo rural ou aos miradoiros, elementos fundamentais do noso territorio».
O alcalde pensa que Sober conta cos recursos suficientes e nas condicions adecuadas para atraer visitantes ó municipio, pero ademais «a iniciativa privada tamén puxo o seu grao de area, coas reformas nas adegas para que fosen visitables, a oleiria de Gundivós, o tren turístico e as casas de turismo rural».
Dende hoxe, Sober poderá presumir de ser un municipio de interese turístico e engadir esta distinción á súa publicidade para que máis xente o coñeza.