O grupo socialista do Saviñao pedirá ao Concello que destine unha partida para financiar sondaxes arqueolóxicas no dolmen de Leira Rapada, recentemente localizado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo na parroquia de Vilatán. O PSOE considera que o goberno local debería contribuír ao estudo deste novo elemento do patrimonio local «en previsión da falla orzamentaria da administración autonómica». Segundo o criterio desta formación, «o Concello non debe permanecer impasible e debe ser o primeiro axente interesado en potenciar e poñer en valor este importante descubrimento».
Os socialistas consideran por outro lado que o Concello debe facer todo o posible por favorecer o aproveitamento do dolmen «como recurso histórico-patrimonial e turístico» e a este respecto propón que se tomen medidas para favorecer a accesibilidade ao lugar en que se encontra a estrutura megalítica -situada en terreos de propiedade privada- e que se coloque «a oportuna sinalización».
Imaxe do petróglifo
Por outra parte, a Asociación Veciñal do Saviñao divulgou unha fotografía que mostra o petróglifo gravado sobre a pedra cobertora do dolmen. O arqueólogo Iván Álvarez sinala que a figura está moi erosionada e desdebuxada e que por ese motivo os trazos son bastante difíciles de percibir e tamén de fotografar. Só desde determinados ángulos e en certas condicións de luz é posible apreciar a inscultura rupestre e captala en imaxes fotográficas.