A romaría de mañá na Parte pode ser a máis multitudinaria en anos
20 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.«O chigre do tío Antonio» , así se chama a gran estrutura na que levan traballando dende hai quince días máis de dez rapaces para o gran día da romaría do San Mateo que se celebra cada 21 de setembro. Este festexo na parroquia de A Parte, en Monforte, consegue reunir a familias e amigos nos campos da zona onde o río Cabe e o río Mao se encontran, para disfrutar do bo xantar, da música e da festa nocturna que se crea no día na honra ao santo.
«Imos xuntarnos 38 amigos, pero os que traballamos somos os dez de sempre. Levamos tres anos vindo ao San Mateo e cada ano melloramos o caseto. Este terá unha despensa para un conxelador e unha neveira onde gardar as bebidas, unha zona para facer a parrillada, enriba temos unha zona de relax con sofás, unha zona de visitas mellor ambientada e unha terraza cunha mesa de mesturas para pinchar música. Traeremos dous xeneradores para todo o sistema de luces e para os electrodomésticos», explica David Pérez, o «capataz» da obra.
Así comeza o que pode ser o San Mateo máis animado dende hai moito tempo, xa que se celebra na fin de semana e isto permitirá que moitos dos que non asistiron anos anteriores por motivos laborais ou estudantís poidan facelo este ano. «Esperamos que se anime a vir moita xente, ademais este ano acompáñanos un moi bo tempo», comenta Isaac Mosquera, ramista da festa. O ánimo séntese no ambiente, ateigado de carpas e rapaces ocupados na súas construccións; e trasládase ao campo da festa que onte comezaba a poñerse en movemento coa montaxe dos bares, atraccións, pulperías e churrasquerías que permanecerán dende hoxe ata a noite do domingo.
O panorama musical conta este ano cun novo convidado. Trátase do Festival Aparte, organizado pola asociación cultural Náufragos do Paradiso, a comisión de festas do San Mateo e o Concello conxuntamente. Os concertos comezarán arredor das 22:30 horas cos grupos Millo, The Riggos, Toñito All Time, The Neme6 & The Bicas Project. Grupos locais e de Ourense cos que se pretende este ano, achegar música de rock á xuventude que acode ao San Mateo E «crear un novo festival alternativo de música», di Diego González, colaborador do evento. A acampada é libre e os que queiran quedarse ata o día propio da romaría poderano facer, continuando coa sesión vermú que ofrecerá a orquestra D?Noche tras a celebración da misa solemne das 13:00 horas. Para despois, agarda o xantar en compañía, a festa e a música de gaitas que rondará polo campo da festa durante toda a tarde. Xa cando se poña a noite, a verbena tomará protagonismo coas actuacións musicais das orquestras D?Noche e Odisea, ás que lle seguirá uha sesión de música techno con pinchadiscos.
O domingo 22 terá lugar, ao igual que o sábado, a misa das 13:00 horas na honra ao San Mateo. Unha misa na que leva tempo pensando Yolanda Arango, quen se encargou da limpeza da igrexa para que todo estivese a punto. «Hai moitos anos, o santo levábase nun carro en procesión polos camiños da aldea, agora xa non se fai procesión, só se celebra a misa», explica mentras ensina o vello carro.
Despois terá lugar a pancetada co sorteo dun cabrito, e despedindo a romaría ata o ano próximo estará a actuación do Dúo Meritxell.
A montaxe
dos postos
xa estaba onte moi avanzada
Esta noite celebrarase un festival de
música rock