Remata a Feira do Libro cun balance non moi satisfactorio

k. armesto / f. a MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Libreiros e editores botan en falta a presenza de máis autores

25 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois de catro días intensos de feira, os libreiros recollen os bártulos, libros, enciclopedias, contos e coleccións, para encaixalos de novo nas estanterías das súas correspondentes librerías. O balance que presentou esta feira resultou en termos xerais peor que outros anos. Os catro libreiros galegos e a editorial madrileña que viñeron a ocupar os postos, consideran que pese a que mantiveron as vendas, a organización do evento é mellorable en moitos aspectos.

«A Feira do Libro é un evento cultural que xira arredor do libro. Non se trata só de postos, senon de traer a autores con tirón e de dar preferencia á importancia creativa do ámbito da literatura», argumenta Lola Puerta, da librería Aenea, quen veu dende Santiago a ocupar un posto da feira, e que tras o descontento pola organización dubida en volver para o ano próximo. « Nesta feira non se percibe un interese por promocionala, nin se ten en conta que detrás de cada libro hai un autor. Debería evocar un ambiente de cultura con implicacións, e non é así. O meu balance é claramente negativo», engade.

O libreiro Gonzalo Pérez, leva vindo á feira dende hai dez anos dende Vigo, onde ten a libraría Cartabón. Segundo el, tendo en conta que a baixada de vendas afecta ás demais feiras de Galicia, en Monforte non lle foi tan mal. «Foi mellorando co paso dos días, cando máis xente veu foi o venres e o sábado. Penso que o que habería que mudar é o tema das datas, porque en Monforte sempre cadra a feira a finais de agosto, cando os turistas xa non están», explica.

A cuestión das datas é unha constante queixa dos libreiros e editores, pero o feito é que isto depende do ciclo de feiras do libro de Galicia. A primeira comeza en Santiago arredor de abril, e de ahí vanse trasladando os postos a outras cidades ata que en agosto chega a Monforte, última parada do ciclo de feiras.

Menos vendas

Ada Agrasar é a única libreira monfortina con posto na feira. «Vendemos menos que o ano pasado, pero poidemos compensar esa falta co éxito da a reedición do libro Lemos, de Hermida Balado. Polo que sei, os meus compañeiros están bastante descontentos, e iso é un problema, porque sen libreiros, non hai feira», comenta.

Da editorial Eneida de Madrid viñeron Marisa Elorrián e Luis Sotuela. Era a súa primeira vez en Monforte e marchan descontentos, coa sensación de que se podería facer mellor. «Sabemos que el entorno del libro tira, pero tiene que haber algo más. A una feria como esta le faltan editores y libreros, pero sobre todo editoriales y autores. Si viniesen más autores de nivel regional y nacional, sería otra cosa. Resaltaría también la necesidad que hay de libros en gallego, se tendría que aprovechar la feria para impulsar la literatura gallega», conclúe Sotuela.