Dúas artesás apaixonadas pola cestería mostraron as vellas técnicas deste oficio no Centro do Viño de Monforte
28 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.María Belén Rodríguez e María Otero son dúas artesás galegas da cestería. Formáronse no centro de artesanía de Lugo, e dedícanse a ensinar este arte ancestral que se resiste a quedar no esquecemento. Durante a mañá de onte estiveron no centro do viño de Monforte realizando unha mostra do seu oficio en vivo. «Necesítase ir educando, exhibindo como é este proceso. A xente non valora este oficio artesán, non saben que facer un cesto leva como mínimo tres horas e tampouco son conscientes do traballo que da conseguir os materiais», comenta María Belén, que da clases de cestería na universidade popular de Ourense e no concello.
En Galicia este oficio estivo presente dende as primeiras civilizacións. A estreita relación que existe entre a cestería e a vexetación fixo que esta actividade se fóra desenvolvendo de distinto modo en función do clima e da cultura de cada zona. Por iso contamos cunha cestería tan rica e variada. Na Limia as cestas fanse especiais para as patacas, aquí na Ribeira Sacra para as uvas, e na costa elabóranse as patelas para o peixe.
Un curioso proceso
María Otero, que ensina a facer cestas nos colexios e nunha asociación de amas de casa, define sen dubidalo a cestería como unha afección. «Hoxe en día é imposible vivir da artesanía. O que nós facemos é ir estendendo a cestería ás persoas interesadas para que non se perda este oficio tradicional que sempre estivo presente nas aldeas», di.
O proceso é longo e coidado. «Primeiro plántase o vimbio, as plantas deben estar moi xuntas para que loiten pola luz e medren altas e finas. En xaneiro é o tempo de cortalas. De aí selecciónanse e clasifícanse por cor, tamaño ou variedade de planta. Despois, pódese traballar co vimbio verde directamente, cando está hidratado, e quedarache unha cesta cunhas cores preciosas, pero que despois ao secar encollerá. A maneira máis común é a de tras cortas o vimbio, deixar as varas en auga durante dez días para hidratalas e traballar despois en seco, de maneira que a figura quede coa forma definitiva», explica María Belén, que forma parte da asociación Vimbios do Loña.
A técnica pola que o vimbio se converte en flexible é coñecida como «romperlle a alma ao vimbio» ou «bailar o vimbio». Consiste en coller a vara pola punta e con forza ir torcéndoa e dobrándoa ata que se rompa por dentro e deveña flexible para poder traballar con ela.