A actividade inaugurouse cunha trintena de rapaces
02 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Aproximadamente unha trintena de rapaces inauguraban na tarde de onte no Parque dos Condes a actividade fluvial de paseos en barca que se desenvolve todos os veráns no seo do río Cabe. E desta vez será durante os tres meses íntegros do verán, é dicir, quince días máis que o ano anterior. Os horarios de acceso á actividade serán de 18:00 a 22:00 horas durante os días de semana, ampliándose un horario matutino de 11:00 a 14:00 horas para as fins de semana e os festivos. O custe da actividade, que contou cunha acepción de 1.490 viaxes no ano 2012 -e de 1.625 no 2011- é de 3,25 euros por cada media hora de viaxe.
A coordinación desta actividade, que ata o de agora fora levada a cabo pola asociación chantadina Casa do Barqueiro, desta vez será dirixida polo clube monfortino Quixós -quen coordina tamén a actividade de piraguïsmo no Cabe-, representado por José Luis Saco. Este cambio de coordinación débese a unha propia iniciativa do Concello, que tras poñerse en contacto co clube, proporlles a idea e eles aceptaren, viron «unha moi boa oportunidade para que dita actividade poida ser impulsada por un colectivo propiamente monfortino, promovendo así unha nova cooperación local» segundo di Pilar López, concelleira de Cultura.
Contando cun orzamento exacto de 8.000 euros e cunha totalidade de oito barcas, esta proposta parece conservar a súa boa acollida no pobo, sendo un atractivo para xoves e adultos que «agradecen que se promova tal tipo de actividades, xa que de non ser así, no verán, as opcións de ocio en Monforte, serían moito máis limitadas» comenta Ana Díaz, unha usuaria de 14 anos.
Así, aproveitando o atractivo fluvial monfortino, celebrarase á beira do Cabe o sábado 27 de xullo, a Festa do Río onde se levarán a cabo máis actividades.