As celebracións continuarán hoxe na comarca de Lemos coa queima das comadres

La Voz

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

A celebración do Entroido continúa hoxe na comarca de Lemos co tradicional Xoves de Comadres. En Monforte, ás 17.30 horas, comezará na praza de España a concentración dos participantes no certame municipal, durante a cal se dará a coñecer o fallo do xurado e se queimarán os bonecos.

En Escairón, o festexo celebrarase na praza Maior, onde a partir das cinco e media haberá unha serie de xogos populares para rapaces. A queima das comadres será ás sete e media. Por outro lado, ás sete e media queimaranse na praza do Concello de Sober as comadres elaboradas polos nenos que participaron nos obradoiros de Entroido organizados nos pasados días na biblioteca municipal.

Postres e disfraces

Por outra parte, o Concello de Bóveda convocou un concurso de disfraces para o Domingo de Entroido e un certame de postres típicos desta época do ano, que tamén se desenvolverá o domingo -de 17 a 19 horas- no centro sociocultural. No concurso de disfraces haberá premios para os conxuntos máis orixinais, máis pequenos, máis grandes, numerosos, máis divertidos e para os elaborados con material de refugallo.

O Concello de Carballedo, pola súa parte, celebrará o domingo -ás 18 horas- un baile de Entroido no pavillón municipal da Barrela, no que habrá premios para nenos e adultos.