No novo couto de Taboada só se poderán pescar 24 troitas por día

chantada / la voz

LEMOS

A Xunta aplicaralle normas restritivas á xestión do novo couto de pesca de troitas de Taboada, habilitado nun tramo do río Moreda. De acordo co plan de xestión, que foi publicado onte do Diario Oficial de Galicia (DOG), durante a campaña as autoridades concederán unicamente catro permisos diarios para todo o tramo. Ademais, cada un dos pescadores que obteñan autorización non poderá capturar máis de seis troitas ao día. O tamaño mínimo será de dezanove centímetros. É o habitual na maioría dos ríos de Galicia, agás en grandes cauces troiteiros como o Lor ou o Eo, nos que o talle mínimo é de 22 centímetro, dous máis que no resto.

A publicación da orde no DOG supón a aprobación do plan de xestión e a creación oficial desta área de pesca, unha vez completado o procedemento administrativo necesario para a creación de calquera novo couto. A próxima tempada poderase pescar troitas con permiso en nove quilómetros deste afluente do Miño.

Non todo o río

A orde especifica que a apertura á pesca non afecta a todo o río. Os nove quilómetros acoutados deixan dóra un tramo dun quilómetro na súa desembocadura, na zona na que conflúen co couto dos ríos Muíño Vello e Anguieira; e outro na cabeceira do Moreda, a partir do seu nacemento.

O límite superior do novo couto está na ponte da estrada de Gondulfe a Pedrouzos, e o inferior na pista forestal que une os lugares de Ider e Vilar.

Iniciatida dos pescadores

A apertura deste couto foi unha iniciativa da sociedade de pescadores Santo Tomé de Taboada. Despois de estudar a proposta, a Consellería de Medio Ambiente decidiu poñer en marcha o procedemento para poñela en marcha.

O proceso deu un paso decisivo o pasado mes de otubro, cando recibiu o visto bon do comité provincial de pesca fluvial. A proposta técnica superou o seu prazo de exposición sen que ninguén presentase alegacións.