«A condición da muller mellorou, pero moi lentamente»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Julia Varela (esquerda) nunha  conferencia en Ourense.
Julia Varela (esquerda) nunha conferencia en Ourense. Miguel villar< / span> < / span>

A profesora e escritora presentará o venres en Chantada o seu novo libro

08 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Julia Varela Fernández, catedrática de socioloxía da Universidad Complutense de Madrid, presentará o venres en Chantada -no Círculo Cultural Recreativo, ás 20.30 horas- o seu último libro, Mujeres con voz propia, onde aborda desde unha perspectiva singular a evolución da condición feminina e do feminismo durante o último século.

-¿Cal é o obxectivo deste novo estudo?

-En certo modo é unha continuación doutro traballo meu, Nacimiento de la mujer burguesa, no que reflexionaba sobre a domesticación da muller, ou sexa, sobre a construción da imaxe tradicional da muller como ama de casa, esposa e nai. É un estudo sobre as biografías de tres importantes intelectuais españolas do século pasado -María Teresa León, Zenobia Camprubí e Carmen Baroja- que pertencían a familias da burguesía liberal e que loitaron precisamente contra esa mentalidade que reducía todo o horizonte vital da muller ao seu papel de esposa e coidadora do lar e dos fillos.

-¿Por que escolleu precisamente esas tres figuras?

-Porque me pareceron moi representativas do que se chama a Idade de Prata da cultura española e porque foron testemuñas de moitos sucesos históricos -a ditadura de Primo de Rivera, a República, a guerra civil, o franquismo- que marcaron con moita forza a evolución da nosa sociedade. E tamén quero animar á xente a coñecer mellor o traballo destas mulleres, a que lean as súas obras.

-¿Cambiaron moito as cousas desde que estas mulleres iniciaron as súas carreiras?

-Nalguns aspectos, a condición das mulleres mellorou con respecto a esa época e con respecto ao franquismo, pero mellorou moi lentamente. Agora hai moitas máis facilidades para acceder á educación e aos estudos superiores, por exemplo. E tamén foron avances moi importantes a legalización do divorcio, o control da natalidade... aínda que agora parece que hai algunha involución nestes aspectos. Pero agora tamén hai un proceso de individualización moi forte que non me parece moi positivo. Quero dicir que hoxe non existen as asociacións de mulleres que había a principios do século pasado, ás que estiveron moi vinculadas as protagonistas do meu libro. Eran unhas asociacións moi interesantes e moi activas que organizaban todo tipo de iniciativas en favor do progreso social das mulleres: cursos formativos, conferencias, exposicións... Creo que estaría ben recuperar ese tipo de asociacións, nas que tamén deberían colaborar os homes, como sucedía naquela época.

-¿Non ten previsto traballar tamén sobre as pioneiras do feminismo en Galicia?

-De momento non, pero paréceme un campo de estudo interesantísimo. De feito, entre as principais precursoras do feminismo en España destacan moito as mulleres galegas, como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán... Sería moi interesante estudar por que foi precisamente en Galicia onde surxiron esas pioneiras.

julia varela socióloga chantadina