A Irmandade dos Vinhos Galegos celebrou onte no Parador de Monforte unha das xuntanzas que leva a cabo regularmente nos territorios das diferentes denominacións de orixe da comunidade. Os asistentes participaron nunha cata comentada de viños tintos e brancos da Ribeira Sacra e pronunciaron discursos de homenaxe nos que recordaron aos seus socios falecidos, cunha mención especial para o poeta Manuel María, monfortino adoptivo e primeiro presidente desta confraría.
No encontro tamén participaron o presidente da Federação das Confrarias Báquicas de Portugal, Luís Gusmão, e un representante da Confraria do Vinho do Porto, Mário Saraiva Pinto. Por este motivo, unha boa parte do coloquio que mantiveron os participantes nesta xuntanza xirou en torno aos preparativos dun encontro de confrarías ibéricas do vinho que se celebrará en novembro en Guimarães -que ostenta este ano a categoría de Capital Cultural Europea- e que contará coa presenza de diversas asociacións galegas. O presente e as perspectivas de futuro das denominacións vinícolas de Galicia, Portugal e o resto da Península tamén foron tratados extensamente na reunión.
Participación local
O encontro foi coordinado polo oftalmólogo monfortino Pedro Corsino Fernández-Vila, que forma parte da confraría como «irmandiño». Na reunión tamén estiveron presentes outros membros da Irmandade dos Vinhos Galegos que residen na zona, como o presidente do consello regulador de Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez; o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o economista Manuel Rajo. A confraría xa ten celebrado anteriormente outras reunións en Monforte e Sober.