Rebelión no instituto pola excursión de fin de curso

chantada / la voz

LEMOS

14 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Estudantes da ESO do instituto chantadino Lama das Quendas faltaron onte ás clases e manifestáronse durante toda a mañá frente a centro. Reivindican a posibilidade de marchar de excursión de fin de curso, a Gandía, dentro do calendario lectivo. Nestes momentos non está claro que vaian poder, porque só un profesor se presentou voluntario para acompañalos, e para a cantidade de alumnos que van ir fan falta polo menos dous.

«Levamos traballando desde principios de curso para ir, queremos que se dean conta de que o estamos pasando mal, e facemos isto por nós, pero tamén polos que veñan detrás, para que non lles pase o mesmo». Así explicaba onte pola tarde as súas razóns Alba Quintela, unha das estudantes que participaron na protesta. Canda ela, práticamente todos os 42 alumnos das dúas aulas de cuarto da ESO do instituto quedaron na porta do centro ás nove menos cuarto da mañá, a hora da entrada. A folga obrigou a suspender as súas seis clases de onte, mentres eles pasaban a mañá frente ao centro con pancartas, facendo ruído con frautas e outros instrumentos e animando aos conductores a tocar o claxon.

Os estudantes queren falar hoxe coa dirección. Agardan que saian máis profesores voluntarios ou que o instituto permita que algún pai ocupe o lugar do segundo docente. Se non hai unha solución, repetirán a folga mañá, e esta vez con convocatoria para todos os cursos.

Desde a dirección, o xefe de estudos, José Rodríguez, asegura que o centro non se opón á excursión, a pesar de que o claustro decidíu non participar en actividades extraescolares como protesta polos recortes en educación. Sen dous profesores voluntarios, di, só hai dúas opcións: que fagan a excursión durante as vacacións ou que consigan un permiso expreso do consello escolar, o claustro e tamén a inspección educativa.