«Eu para ver coches non vou ao Cebreiro»

cristina lópez LUGO / LA VOZ

LEMOS

A presenza de vehículos, mesmo á porta do santuario, racha coa boa imaxe desta zona turística luguesa

07 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Este domingo pasado nevou no Cebreiro, non tanto coma noutras ocasións, pero o efecto foi o mesmo que cando cae un gran nevada: o branco manto atraeu a un bo número de turistas. Así, arredor do mediodía, cando xa as folerpas deixaran de caer e unha capa de néboa cubría O Cebreiro, entre as pedras do poboado podíanse ver matrimonios abrigados ata as cellas, parellas paseando agarradas do brazo e unha chea de nenos xogando coa neve, sen importarlles o frío. Unha estampa moi bonita se non fose polos coches. E é que os que visitan O Cebreiro levan os seus automóbiles ata a mesma porta desa xoia que é a igrexa de Santa María A Real.

Aos que isto fan parece non importarlles nada que exista unha ordenanza municipal que restrinxe o paso de vehículos a esa zona, limitándoo aos que levan mercadorías para os establecementos hostaleiros. Tampouco son quen de respectar os sinais de prohibición instalados polo Concello de Pedrafita. O seu alcalde, José Luis Raposo, sostén que fixo todo o que na súa man estaba para impedir esa invasión automobilística, pero dende Cultura da Xunta veñen adiando calquera decisión ao respecto.

No poboado hai opinións para todos os gustos. Uns cren que limitar o paso dos coches prexudicaraos economicamente; outros, coma o propio rexedor, pensan que O Cebreiro recibiría aínda máis xente se o poboado estivese aberto só ás persoas. Como dixo un turista catalán: «Eu para ver coches non veño ao Cebreiro».