O miradoiro dos muíños do Xabrega, en Sober, serviu de palco de música
21 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O miradoiro construído pola escola obradoiro do Concello de Sober no conxunto de muíños restaurados do arroio Xabrega -premiada a finais do 2006 polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia- presenta un importante estado de deterioro. A edificación perdeu a súa coberta e unha parte da reixa de madeira que lle servía de muro lateral. As placas de metacrilato que protexen a parte oposta da estrutura mostran roturas que parecen causadas por pedradas. Por outro lado, hai xa moito tempo que non funciona o xerador eléctrico accionado polas augas do arroio que permitía iluminar a estrutura.
Segundo explica o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, a cuberta foi arrancada o pasado verán, cando se celebrou nesta paraxe unha festa organizada por veciños da parroquia de San Martiño de Anllo. O miradoiro foi utilizado como palco polos grupos musicais que actuaron neste festexo. «O teito estaba xa moi deteriorado e medio caído e entre o Concello e os organizadores da festa decidimos que era mellor desmontalo para evitar algún accidente», sinala o rexedor. «A estrutura xa non cumpría ningunha función e non vimos inconveniente en que servise de palco», engade.
Orixinalmente, o miradoiro foi construído para incrementar o atractivo do lugar, onde foron rehabilitadas as ruínas de varios muíños fariñeiros que levaban moito tempo abandonados. A estrutura, en forma de voadizo e de seis metros de lonxitude, consiste nunha plataforma de ferro -unha reixa das que se utilizan habitualmente nos aparcadoiros- asentada sobre os restos dos muros dun muíño. A cuberta fíxose con chapas de aceiro corten e paneis viroc, feitos dunha mestura de madeira e cemento. A construción estaba tapada por un lado con láminas de iroko -unha madeira tropical resistente á humidade- e por outra con placas de metacrilato nas que se imprimiron debuxos explicativos sobre o funcionamento dos muíños.
Ao mesmo tempo construírase no cercano embarcadoiro dos Chancís outra edificación que debía servir como centro de interpretación turística. O colexio de arquitectos premiou estas dúas obras pola súa adecuación á paisaxe e polo uso novidoso de materiais de custo reducido.