O poboado abandonado de Iberdrola en Pantón sufre destrozos vandálicos

monforte / la voz

LEMOS

O antigo poboado da Chaira, pertencente á empresa Iberdrola, está sufrindo destrozos vandálicos desde hai aproximadamente un par de meses, segundo estiman os responsables municipais de Pantón. Persoas descoñecidas romperon varios peches de ladrillo cos que foron tapiadas hai dous anos as portas e ventás de todos os edificios da localidade -precisamente para impedir visitas indesexadas- e deixaron pintadas e desperdicios en diversos lugares. Diante da igrexa do poboado, que foi forzada da mesma forma, poden verse as pegadas dunha fogueira.

O goberno municipal de Pantón lamentou estes feitos e a situación de abandono en que se encontra a poboación, deshabitada desde hai moitos anos. Segundo explicou o alcalde, José Luis Álvarez, o Concello solicitou hai algún tempo unha entrevista con responsables de Iberdrola coa finalidade de establecer algún acordo para a cesión destas propiedades. A súa intención é recuperar o poboado e darlle un novo uso para impedir que continúe o seu deterioro.

Álvarez apunta que un dos posibles usos que se estudan para o poboado é convertelo nun centro turístico. «Iso é o que temos en proxecto desde hai tempo, pero tamén poderíamos estudar outras solucións, como unha residencia para maiores», agrega. O alcalde espera que as conversacións coa empresa propietaria poidan comenzar antes de fin de ano.

O poboado da Chaira foi levantado entre 1945 e 1946 nas cercanías da ribeira do Sil para albergar aos traballadores do encoro de Santo Estevo. Aínda que o lugar leva moito tempo deshabitado, os seus edificios -construídos segundo os criterios funcionalistas propios desa época- consérvanse nun relativo bon estado.