Hai máis anos dos que quixera recordar que souben de Xosé Manuel Carballo. Dicían daquela que era un home ocupado en achegar as formas literarias da lingua galega á xente. É de grato recordo o seu Menciñeiro á forza, que sentou un claro precedente na divulgación do teatro en Galicia.
Co paso do tempo coñecín ó Xosé Manuel en persoa. O trato deixou atrás o concepto que tiña del porque a súa humanidade, o seu silencioso achegamento ós problemas diarios da xente foron e son moito máis que aqueloutra actividade que lle puido dar sona.
A súa actitude confirma que só pode comprender os padecementos e miserias da xente quen está preto dela e sabe escoitar. Foron estas dúas calidades, de escoitador e de amor pola lingua que fala, as que o promoveron, no 2003 e 2004, para formar parte dos expertos que elaboraron o Plan xeral de normalización da lingua galega presidindo a subcomisión de Servizos sociais, crenzas relixiosas e inmigración.
O tempo ha dicir o gran labor por el realizado. E nós viviremos para agradecerllo en persoa, como tamén lle amosarán esa gratitude todos os que o coñecen, tanto dentro como fóra da Terra Chá. O traballo de Xosé Manuel Carballo ten raíces na súa terra e follas polo mundo adiante.