Este estudoso lamenta a «desaparición» de cadansúa construción deste tipo nas parroquias vilalbesas de Mourence e Tardade
20 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Membro do equipo Carboeira, que traballa na catalogación e inventariado dos cruceiros da Terra Chá, e apaixonado estudoso de todas estas manifestacións da arte popular, o lucense Fernando Arribas vén de asumir a presidencia da Asociación de Amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas, presentada hai pouco máis dun mes no Museo do Pobo Galego.
-¿Tan mal está a situación dos cruceiros para que houbese que crear esta asociación?
-A situación dos cruceiros non está precisamente para botar foguetes, pero a creación da Asociación de Amigos dos cruceiros obedece máis que nada a un dobre obxectivo: promover a conservación, restauración e recuperación de todas as construcións deste tipo existentes en Galicia e darlle cohesión a un grupo notable de investigadores que nos dedicamos ao estudo e divulgación de todas estas manifestacións da arte popular, posto que aínda que xa nos coñecemos, estamos un pouco espallados por toda a comunidade.
-Tendo entre os seus fins velar pola integridade destas construcións, ¿como valora esta asociación feitos coma os ocorridos hai uns meses en Santa Locaia, onde apareceron desfeitas varias cruces dun vía crucis?
-A destrución de cruces e cruceiros pódese deber a varias causas. Ás veces, coma nese caso, obedece a actos vandálicos. Son feitos que á asociación que presido lle preocupan, como nos preocupa a desaparición física de dous cruceiros en Vilalba: un do adro da igrexa de Tardade e outro da área recreativa do río Madalena, pertencente á parroquia de Mourence. Outras veces son os vendavais ou os accidentes de tráfico os que acaban cos cruceiros, como ocorreu co de Carrizo, na localidade vilalbesa de Santaballa. O abandono e a desidia están tamén entre os causantes de que este tipo de construcións se vaian deteriorando, porque ao estar cubertos de maleza e vexetación, a humidade vai comendo a pedra.
-¿Os cruceiros contan con suficiente protección?
-Non hai que esperar que caia un cruceiro para actuar, por moito que o paso do tempo teña efectos inexorables sobre eles. Ás veces basta con simples medidas de protección, cun reducido custo. Os estudosos destas construcións, antes, e, agora, a Asociación de Amigos dos cruceiros defendemos a creación do Libro branco dos cruceiros de Galicia.
-¿Que poden facer as administracións ou os propios cidadáns pola conservación e posta en valor deste tipo de construcións?
-Se nos cinximos ao ámbito municipal, os concellos son os encargados de velar polos cruceiros existentes no seu termo municipal, aplicando unha serie de medidas preventivas que pasan por coñecer o número e o estado dos cruceiros que hai en cada concello. Partindo deses inventarios poderanse arbitrar medidas de actuación. Este tipo de construcións teñen xa un valor de por si, pero aquilo que non se coñece non se valora, de aí que calquera medida encamiñada a fomentar o seu coñecemento e divulgación sexa benvida. Neste sentido hai iniciativas loables como a de Begonte de limpar o entorno dos cruceiros e poñerlles cartelas, ou a de Castro de Rei, que creou unha ruta dos cruceiros. Aínda así cumpriría ir máis alá promovendo charlas, congresos e outro tipo de actividades.
-Xa que fala de facer inventario, ¿cantos cruceiros hai en Galicia?
-Das catro provincias galegas, a única que ten feito o inventario dos seus cruceiros é a da Coruña, que conta con 1.670. Na provincia lucense, o único que hai feito é o da comarca chairega, do que se encargou o equipo do que formo parte xunto con José Manuel Prado e Mario Saavedra Pérez. Na Terra Chá temos máis de 450 cruceiros, sen contar cristos, cruces, esmoleiros, petos de ánimas e demais construcións deste tipo, sendo a comarca galega máis rica neste tipo de manifestacións populares.
-¿Cales van ser as accións máis inmediatas da asociación que preside?
-Un dos nosos primeiros pasos foi o de agruparnos e darlle forma legal a este colectivo de investigadores. Non somos moitos en Galicia traballando neste ámbito, pero con trinta persoas dedicadas ao estudo de todas estas manifestacións da arte popular creo que constituímos un número suficiente para facer cousas interesantes, como proba o feito de que xa se levan celebrados tres congresos sobre cruceiros. Foi precisamente no segundo deles no que xurdiu a idea de constituír esta asociación.
«Os Concellos deberían empezar por coñecer o número e o estado dos cruceiros que hai no municipio»
«Na provincia de Lugo, só está feito o inventario dos cruceiros da Terra Chá, a comarca máis rica, que supera os 450»