O encontro de barcas é agora un dos dous que quedan en Galicia

La Voz

LEMOS

No encontro de embarcacións tradicionais que forma parte da Festa do Río participarán este ano asociacións de conservación de barcas das localidades portuguesas de Viana do Castelo, Vila do Conde, Lanhelas, Sarilhos e Esposende e dos municipios galegos de Vigo, Cambados, Moaña, Ferrol e Sada.

O encontro de Monforte xa destacaba por ser o único destas características que se celebra no interior de Galicia, pero agora presenta un carácter excepcional. Segundo explica Fernando Ibarra, da asociación Casa do Barqueiro, «os recortes presupostarios fixeron desaparecer case todos os encontros de embarcacións que había en Galicia, e se antes había case unha vintena cada ano, agora só quedan o de Monforte e o que organiza a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial».

Na edición deste ano participarán unhas quince embarcacións de diferentes tipos cuxo transporte, segundo precisou Ibarra, supón «un esforzo moi importante» para a asociación e o Concello. Os paseos nestas embarcacións e nas demais barcas que percorren o Cabe no verán serán gratuítos todo o día.