Cuestións importantes do presente e do pasado

francisco albo, m. caravel francisco.albo@lavoz.es

LEMOS

14 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

1O edificio multiusos que alberga a nova casa consistorial chantadina é tamén a sede do grupo de desenvolvemento rural Miño-Ulla. A xunta directiva da entidade xestora do plano Leader nas comarcas de Chantada e A Ulloa, presidida polo alcalde taboadés Ramiro Moure, celebrou neste local unha reunión a última hora da tarde de onte na que estaba previsto aprobar o orzamento do aoo en curso e as contas do 2010. Na orde do día figuraba tamén algún posible cambio na xunta directiva do GDR, pero iso decidiuse a unha hora xa un pouco tardía -o encontro comezaba oficialmente ás oito e media-, así que se houbo modificacións nese sentido é algo que só se saberá hoxe.

De Abel Vilela afonda na historia da Muralla

2Agora toca retroceder no tempo da man do historiador lucense Adolfo de Abel Vilela, quen resentou onte á tardiña o seu libro A Muralla romana de Lugo na documentación dos séculos XVI ao XX. O salón de actos da Deputación acolleu o acto, no que autor explicou algúns dos datos relevantes da publicación, na que analiza cincocentos anos de historia da fortificación. A obra, editada polo servizo de publicacións da área de Cultura, recolle unha selección de fotografías e planos do monumento, constituíndose nun dos traballos máis completos e exhaustivos que se teñen realizado sobre a Muralla. O libro componse de 27 capítulos, dos que o investigador dedica tres á declaración como Patrimonio da Humanidade. Interviron o delegado de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, e o escritor monfortino Lois Diéguez, quen, como De Abel Vilela, é un dos principais animadores da asociación cultural Lugopatrimonio.

Conferencia sobre Alexandre Bóveda

3Continuamos mirando ao pasado, xa que agora falamos do doutor en historia contemporánea e presidente da Asociación Galega de Historiadores, Uxío- Breogán Diéguez Cequiel, que analizou onte a importancia de Alexandre Bóveda no nacionalismo galego do primeiro terzo do século XX. A conferencia desenvolveuse no Museo Provincial, que ata o 31 de xullo acollerá a exposición «Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso. 1903-1936». Uxío-Breogán Diéguez, que por certo ten raíces familiares no municipio do Saviñao, é cofundador da revista especializada Murguía e ten traballado amplamente no estudo da historia contemporánea galega e da figura de Bóveda.

Un mercado para apoiar a «indignación»

4Para rematar, hai que volver ao tempo presente e a actualidade social e política máis inmediata. Na Praza Maior da capital da provincia, os «indignados» do movemento 15-M organizaron un mercado «con conciencia» para chamar a atención sobre a necesidade «de que a democracia sexa real».